xoves, 25 de febreiro de 2016

Sesión do 18 de febreiro

Ola a todos!
Desta vez vouvos presentar a miña reflexión sobre a primeira sesión con Ana Fontenla o pasado día 18 de febreiro. Ao longo da clase, Ana presentounos distintas actividades destinadas a traballar a comprensión oral. Algunhas delas mesmo as fomos realizando entre nós, o cal me parece un xeito moi divertido de ver a utilidade da cada unha.

Non obstante, penso que algunhas das cuestións máis interesantes da sesión xurdiron a partir de moitas das preguntas que facían os compañeiros. O certo é que non son poucas as dúbidas que tiñamos, mais a profesora foi respondendo a todas aportando o seu punto de vista dende a experiencia, algo que resulta moi valioso!

Precisamente, unha desas cuestións que xurdiron foron os criterios de avaliación. A nosa experiencia como estudantes de secundaria non foi moi positiva a este respecto, xa que polo xeral se ten en conta un único exame ao final do trimestre. Nese exame, mídese (na meirande parte dos casos) unicamente a capacidade do estudante para realizar correctamente exercicios gramaticais. Este xeito de avaliación resulta moi pouco adecuado para unha materia como a lingua estranxeira, que require dun estudo continuado ao longo de todo o curso para poder ir avanzando e mellorando as distintas competencias. Ademais, non se pode pretender realizar un exame que avalíe tan só os coñecementos gramaticais sobre a lingua, é necesario ter en conta tamén a capacidade de comprensión e produción oral e escrita.

A este respecto, penso que resulta moi adecuado e moito máis útil para o alumno realizar un seguimento continuo do seu progreso. Así podemos saber de que nivel parte e en que medida foi progresando para telo en conta á hora de avaliar. Existen moitos factores externos que poden influír no seu grao de dominio da lingua estranxeira (que vaian a clases particulares, que estiveran de intercambio no país estranxeiro, etc.) e non podemos perder de vista. Ademais de premiar o feito de facelo ben, tamén deberíamos ter en conta o empeño que puxeron. Pode que un alumno, polos motivos que sexa, tivera moi pouco nivel de inglés cando comezou o curso, pero imos apreciando un esforzo diario e continuo. Penso que iso tamén o deberíamos recompensar.

A este respecto, pareceume moi interesante o método que emprega Ana nas súas aulas, facendo un seguimento diario da produción oral e atendendo á diversidade nas actividades de comprensión oral, sempre coa intención de manter motivado ao estudante. Penso que é un xeito moi útil de atender á diversidade de niveis da aula!


Ata aquí a miña reflexión sobre a última sesión. Ata pronto!

luns, 22 de febreiro de 2016

Actividade de comprensión oral (pre-, during- e post-listening)

Con esta nova entrada estreo a sección de Dossier dedicada ás aulas de Ana Fontenla. Desta vez, vouvos presentar a miña proposta para a actividade de comprensión oral co correspondente pre-, during- e post-listening que nos solicitou.

A miña proposta trátase dunha actividade que está destinada a alumnos de 4º da ESO e para a súa realización seleccionei o seguinte material:


Como actividade de pre-listening, preguntaríalle aos alumnos se lles gusta viaxar e que lugares lles gustaría visitar. Logo preguntaríalles se estiveron en Londres algunha vez e se lles gustaría ir. Despois, por parellas, pediríalles que imaxinasen unha viaxe a Londres e foran escribindo as atraccións turísticas que lles gustaría visitar.

Unha vez que rematen coa lista, preséntaselles o vídeo. Como actividade de during-listening, iría parando o vídeo cada vez que se presenta unha nova atracción para preguntar se lles gustaría ou non visitala e por que e cantos deles a tiñan incluída na súa lista.

A actividade de post-listening consistiría recordar todos os lugares que foron saíndo e en preguntarlles se ver se había algunha atracción turística ou lugar de Londres que eles escolleran e non aparecera no vídeo. Xa por último, pediríalles que de novo en parellas organizaran unha visita a Londres de tres días e decidiran que ían facer cada día, dende que chegan ao aeroporto ata que volven para coller un avión a Vigo. Para iso, poden empregar só as atraccións que viron no vídeo ou engadir as que pensaran ao principio.


Esa sería a miña proposta de actividade de comprensión oral. Espero que vos gustara!



sábado, 20 de febreiro de 2016

Metodoloxías de ensino da lingua estranxeira

Para esta nova entrada do Diario, preséntovos a miña reflexión sobre a clase do pasado día 16 de febreiro con Carlos Valcárcel. Xa que na aula estivemos vendo distintas metodoloxías de ensino da lingua estranxeira, para esta entrada vouvos falar sobre a miña experiencia como estudante de lingua estranxeira ao longo da Educación Secundaria e no Bacharelato.

Non hai tanto tempo que os cursei, pero a metodoloxía que se empregaba aproximábase máis á tradicional. Eran moi raras as veces que se facía exercicios de comprensión oral e aínda máis escasos os de produción oral. Si teño que recoñecer que houbo algúns intentos de traballar a produción oral, pero limitábanse á memorización de redaccións ou diálogos que logo se reproducían na clase. O ensino centrábase fundamentalmente na gramática, que se presentaba de xeito explícito. Así  durante as clases o habitual era realizar exercicios moi repetitivos de tipo estrutural (fill in the blanks, por exemplo). Tamén se traballa moito coa tradución de oracións cara á lingua estranxeira e con listas de vocabulario de debíamos aprender de memoria. En xeral, os docentes seguían un libro de texto que semellaba bastante comunicativo e que incluía actividades de produción e comprensión oral, pero na práctica tan só se decantaban polas que ían orientadas ao traballo de estruturas gramaticais.

O certo é que aprender unha lingua deste xeito tan só da lugar a que os estudantes teñan medo de empregala na oralidade e teñan a sensación de estar aprendendo o mesmo constantemente. Penso que non son a única que ten unha experiencia deste tipo. De feito, penso que algo se está a facer mal en canto ao método empregado para o ensino da lingua estranxeira. Sobre todo, cando o resultado son alumnos desmotivados que non ven o momento de deixar de lado a materia.


Cal pode ser o problema? Dende o meu punto de vista, poden darse dúas situacións: o descoñecemento ou a comodidade. Pode ser que nalgúns casos non se conte coa formación didáctica suficiente como para saber seleccionar a metodoloxía máis adecuada. Mais penso que moitas veces tamén se trata dunha cuestión de comodidade. Resulta moito máis doado (e tamén aburrido) corrixir exercicios de gramática que valorar de xeito diario a produción oral dos alumnos. Moito máis doado aínda se facemos un único exame ao final do trimestre e deixamos de lado a importancia de fomentar o traballo diario no estudo das linguas estranxeiras. Un pouco de ética profesional, máis motivación (vocación, nunha palabra) e unha formación axeitada do profesorado penso que resolverían en boa medida esta situación.

E vós, que pensades? Foi semellante a vosa experiencia como estudantes de linguas estranxeiras?


Espero que vos gustara, ata pronto!

Sesión do 17 de febreiro

Nesta nova entrada vouvos presentar as miñas reflexións sobre a última sesión con Luz Valencia, que tivo lugar o día 17 de febreiro. Na clase falamos sobre as actividades destinadas á práctica da produción oral na lingua estranxeira é o certo é que resultou de novo unha sesión moi útil na que fun apuntando moitas ideas que espero poñer a proba.

Ademais desta batería de actividades que imos conformando, penso que desta sesión quédome tamén cunha serie de nocións moi importantes que penso que temos que ter en conta á hora de elaborar as nosas actividades.

En primeiro lugar, as diferenzas entre exercicio, actividade e proxecto! Cando preparamos unha sesión debemos ter en conta sempre  a finalidade de cada un deles e o que queremos conseguir. Quédome, sobre todo, co consello sobre o perigo e a complexidade dos proxectos. Ás veces, é mellor comezar con cousas menos ambiciosas, pero ben enfocadas e cun obxectivo claro, que embarcarse nun proxecto sen saber moi ben onde nos vai levar (anotado queda!).

En segundo lugar, o concepto MINIMAX para poñer en práctica na elaboración das actividades. Moitas veces investimos unha gran cantidade de tempo en preparar un material que só imos poder empregar en contadas ocasións. O mellor é entón economizar e sacar o máximo partido a cada actividade que preparemos, dándolle un toque persoal co que conseguiremos involucrar máis aos nosos alumnos.  A este respecto, chamoume moito a atención o xeito en que podemos ir variando a mecánica dunha actividade para que os estudantes traballen aspectos como a imaxinación ou mesmo a memoria. Paréceme fundamental este xeito de enfocar as actividades de expresión oral para que deixen de tratar, por exemplo, sobre o tan habitual comentario dunha imaxe que non nos inspira absolutamente nada! Nesta outra entrada podedes ver como aplico o concepto MINIMAX no desenvolvemento dunha actividade de produción oral.



Xa por último e a modo de reflexión xeral, teño que poñer énfase na necesidade de traballar a expresión oral nas aulas! Penso que se os alumnos se senten moito máis motivados cara ao estudo dunha lingua se aplicamos un enfoque comunicativo, con situacións moi semellantes ás que se poden dar en contextos reais. Deste xeito danse de conta da utilidade real do que están aprendendo e deixan de asociar a aprendizaxe dunha nova lingua coa memorización de léxico e estruturas gramaticais totalmente descontextualizadas que logo non saben aplicar.


Espero que vos gustara! Ata pronto!

venres, 19 de febreiro de 2016

Actividades da sesión do 16 de febreiro

Nesta nova entrada de Dossier vou presentar as actividades que realizamos na sesión do 16 de febreiro co Carlos Valcárcel, que ían destinadas a repasar os distintos niveis de concreción curricular e máis a analizar as metodoloxías aplicadas no ensino da lingua estranxeira a través da análise de distintos libros de texto. Aquí vos deixo un breve resumo de cada una delas, xunto cunha reflexión final ao respecto!

1ª Actividade

A sesión comezou cunha actividade a modo de warm up, na que tiñamos que relacionar unha serie de conceptos (Currículum ESO, PEC, Programación (materia), MECR, PLC, LOMCE) co seu correspondente nivel de concreción curricular. Para a realización da actividade organizámonos en grupos dunhas catro persoas, nos que tivemos que debater ata chegar a un consenso sobre a solución.  Velaquí as nosas conclusións:



Primeiro nivel: LOMCE, MERC (Consello de Europa), Currículum ESO
Segundo nivel: PEC PLC.
Terceiro nivel: Programación (materia).
Cuarto nivel: Programación (materia), xa que inclúe as adaptacións curriculares.






2º Actividade

Na seguinte actividade empregamos a coñecida Pirámide, da que xa teño falado en entradas anteriores, para elaborar unha lista coas cinco actividades que máis realizábamos nas aulas de lingua estranxeira dende a nosa perspectiva como alumnos. A lista conformábase primeiro de xeito individual, lodo comparábamos os resultados en parellas e íamos escollendo as opcións que máis se repetían. A continuación, repetimos o proceso en grupos de catro e, por último, de oito persoas. Deste xeito, obtivemos unha visión comparativa das actividades que máis se empregan no ensino da lingua estranxeira. Aquí vos deixo as miñas conclusións individuais e as conclusións grupais finais:

Conclusións individuais:
1. Fill in the blanks
2. Reading
3. Tradución
4. Reformular oracións
5. Listen and repeat

Conclusións grupais:
1. Fill in the blanks.
2. Listening
3. Reading


3º Actividade

De novo en grupos, no noso caso de tres persoas, levamos a cabo unha análise sobre un método de ensino da lingua francesa, na que cada grupo se encargaba de estudar unha cuestión. Nós debíamos centrarnos en ver que actividades se empregaban para traballar a fonética e a pronunciación. A este respecto, chamounos moito a atención que a redacción das instrucións para realizar os exercicios se fixera en francés e en español. Isto débese a que se trataba dun libro bastante antigo, xa que os métodos actuais adoitan empregar só a lingua estranxeira.

En canto aos exercicios dedicados a traballar a fonética e a pronunciación, estes eran ben escasos. Non había ningún exercicio no que se traballara a fonética de xeito específico, tan só observamos algunhas actividades destinadas a ler en voz alta ou memorizar e logo repetir en voz alta.

Concluímos, polo tanto, que se trataba dun método propio da metodoloxía tradicional, que se centraba máis en traballar a gramática de xeito explícito, e con actividades de comprensión e produción escrita moi dirixidas, centradas en ditados ou lectura de textos.

4º Actividade

Esta actividade atópase moi relacionada coa actividade anterior, pois de novo en grupos tiñamos que analizar un método de ensino. Desta vez, tratábase dun método moito máis actual, no que tiñamos que estudar a metodoloxía dunha das unidade do libro (Beyond 2 no noso caso).

Agora si se incluían exercicios de fonética e pronunciación, nos que se polo xeral se pedía ao estudante que escoitara primeiro e logo repetira unha serie de palabras. Para a comprensión oral, ademais de exercicios de listening, incluíanse outros nos que os alumnos debían escoitar para ir comprobando as súas respostas. A produción oral trabállase tamén en algunhas actividades nas que se pide ao estudante que fale con outro compañeiro sobre unha determinada cuestión relacionada coa unidade. Nestes casos, inclúense cadros con exemplos de oracións que se poden empregar.

En canto á gramática, neste método empréganse varios exercicios de tipo estrutural, destinados a escoller o verbo adecuado segundo o caso, completar os ocos, relacionar ou escoller a opción correcta. O léxico trabállase a partir dun texto relacionado co vocabulario que se pretende ensinar na unidade e máis con exercicios para relacionar determinados conceptos con fotografías.

Polo que puidemos observar, o noso método é fundamentalmente comunicativo e a gramática traballase de xeito implícito, xa que, malia que se inclúen exercicios, as explicacións gramaticais son bastante reducidas e sempre dentro do contexto concreto que se está a traballar na unidade.

Algunhas reflexións...

A miña opinión sobre as actividades de tipo Pirámide podédela atopar noutras entradas, sempre a considero un bo xeito de traballar de xeito cooperativo e que nos permite. A actividade de warm-up que realizamos pareceume moi axeitada para comezar a introducir a sesión, xa que permitía avaliar os coñecementos que tiñamos sobre os niveis de concreción curricular, relacionar conceptos e ir comentando novas ideas.

Por último, sobre as actividades tres e catro, dicir que me parecen unha boa maneira de poñer en práctica o que íamos aprendendo sobre as metodoloxías de ensino da lingua estranxeira. Deste xeito, puidemos comparar dous métodos ben diferentes (un tradicional e outro moito máis actual) para facernos unha idea moito máis clara do principios básicos de cada metodoloxía.


Actividade de produción oral a partir dunha foto

Nesta entrada preséntovos a miña proposta para a actividade que Luz nos encargou para a seguinte sesión, que vai destinada a traballar a produción oral a través dunha foto. Pois ben, no meu caso, decidín escoller unha foto persoal, para economizar o tempo invertido en idear a actividade, xa que información que vou necesitar xa se atopa na miña memoria. Ademais, co carácter persoal da imaxe espérase espertar tamén o interese dos alumnos.

A actividade vai destinada a alumnos de segundo ou terceiro da ESO e introduciríase nun contexto no que se estea a traballar vocabulario relacionado cos alimentos e comidas en inglés. A idea é organizalos en grupos de 4 ou 5 persoas e presentarlles a seguinte imaxe:



Primeiro, pregúntaselles que é o que ven na imaxe, quen pensan que a fixo e para quen. Cando adiviñar que a tarta a fixo a súa profesora, aumentará a súa curiosidade por saber máis. Unha vez que temos gañado o seu interese, explicámoslle a parte central da actividade, que consiste en que cada grupo intente adiviñar tódolos ingredientes que poida da tarta facendo preguntas á profesora.
Deste xeito repásanse alimentos básicos (eggs, milk, sugar, butter, chocolate...) ao tempo que se van introducindo outros novos (flour, vanilla, ...).

Dependendo do que desexemos que dure a actividade, podemos empregar este mesmo material para repasar verbos relacionados coas accións que se tiveron que levar a cabo para facer a tarta (add, mix, bake, prepare,  ). Ao mesmo tempo, podemos ir combinando os verbos cos alimentos que empregamos anteriormente. Deste xeito, se lles facemos recordar os alimentos, imos estimulando a súa memoria a curto prazo. Se nos interesa, tamén poderíamos ir introducindo os distintos utensilios de cociña que se empregaron (fork, spoon, knife, mixer, oven...)

Ata aquí sería a actividade para traballar a produción oral, pero, se nos interesa, tamén poderíamos estirala aínda máis e traballar a produción escrita. Así, unha vez traballados todos os aspectos anteriores, poderíase pedirlle aos alumnos que escribiran os pasos que eles consideran que se seguiron para facer a tarta. Non terían que empregar estruturas gramaticais moi complexas, senón ir escribindo os pasos co vocabulario e os verbos que foron escoitando, engadindo conectores que permitan organizar as accións que se levan a cabo (empregando por exemplo firstly, secondly, then, finally...).


Estas son as aplicacións que se me ocorren agora mesmo para a actividade, pero estou segura de que habería moitas máis. Espero que vos gustara!

martes, 16 de febreiro de 2016

Sesión do 3 de febreiro

Con esta nova entrada estreno a sección de Diario para as aulas de Luz Valencia, na que vou falar sobre os aspectos que me resultaron máis interesantes e dos que máis me chamaron a atención sobre a clase.

En concreto, desta vez voume centrar na sesión do pasado día 3 de febreiro, na que tratamos o tema do traballo das competencias na aula a través de distintas actividades, comezando coa posta en práctica dunha warm-up activity, na que tiñamos a profesora nos presentaba tres enunciados sobre distintas situacións da súa vida e nos debíamos adiviñar, facendo preguntas, cal deles era falso.

Precisamente, esta actividade é unha das cuestións que me gustaría comentar. Atopeina realmente útil para facer unha primeira toma de contacto coa aula e coñecer o nivel de inglés xeral dos estudantes sen ter que levar a cabo unha proba de avaliación inicial, algo que tan só poría nerviosos aos alumnos. Mais deste xeito conseguimos o mesmo resultado sen que eles se dean de conta de que están sendo avaliados.


Ademais, penso que a actividade é ideal como introdutoria para comezar a presentarnos aos estudantes durante a primeira sesión do curso, porque permite comezar dun xeito relaxado e, ao mesmo tempo, da pé a que os estudantes poidan satisfacer a súa curiosidade sobre a nova docente. Non obstante, considero que tamén pode ter cabida en moitas outras situacións, por exemplo, como método para traballar a formulación de enunciados interrogativos. Tamén se podería empregar para fomentar a integración dos alumnos dentro da aula (se non se coñecían previamente) ou como estratexia para mellorar as relacións entre os estudantes, se lles propoñemos que traballen en parellas ou en grupos e formulen eles mesmos os enunciados.


A outra cuestión que me gustaría destacar desta sesión é o útil que pareceu de cara á práctica docente, pois tratamos moitas actividades sobre as que logo reflexionabamos e viamos de que outro xeito se poderían ter levado a cabo, que competencias nos permitían traballar. Ademais das novas ideas sobre actividades que nos vai aportando este enfoque práctico, quédome sobre todo con que, aparte da competencia lingüística, podemos traballar moitas outras, mesmo a matemática ou as competencias básicas en ciencia e tecnoloxía. Esta é unha cuestión que teño que recoñecer que nunca se me ocorrera! Queda anotada, polo tanto, para aplicala no futuro.


Ata aquí a miña reflexión sobre as cuestións que máis me chamaron a atención desta sesión, agardo á seguinte clase para facer un novo comentario!