martes, 1 de marzo de 2016

Dossier do 23 de febreiro

Ola a todos!

Nesta entrada de dossier vouvos presentar as actividades que realizamos na aula o pasado día 23 de febreiro con Carlos Valcárcel. A sesión, como podedes comprobar na entrada de diario, tratou sobre as programacións didácticas e, como é de esperar, as tres actividades que aquí vos deixo atópanse moi relacionadas cos contidos que estivemos vendo na clase:




PRIMEIRA ACTIVIDADE

Comezamos a sesión cunha actividade de tipo pirámide, na que debíamos facer unha lista sobre os aspectos que nós considerábamos fundamentais nunha programación. A continuación, realizamos primeiro un debate en parellas, logo en grupos de catro e finalmente de oito persoas ata chegar a unhas conclusións conxuntas para, finalmente, realizar un debate grupal.

Velaquí as miñas conclusións individuais sobre os aspectos fundamentais da programación:

Os obxectivos.
Os contidos.
A temporalización.


O certo é que logo de debater cos demais compañeiros funme dando de conta de que, en realidade, estes non eran aspectos fundamentais dunha programación, senón que moitos deles mesmo aparecen no currículo básico do ensino secundario. Moito máis importantes son os que consideramos finalmente a nivel de grupo:
  •  A metodoloxía (aínda que sobre esta tamén se poden atopar certos contidos no MCERL)
  • A temporalización (para min o máis importante, xa que é o máis se vai necesitar para orientar as sesións no caso de que o docente teña que ser substituído.)
  • Os criterios de avaliación (como imos avaliar).



SEGUNDA ACTIVIDADE

Desta vez organizamos unha chuvia de ideas para ir elaborando unha lista con aquelas fontes das que podemos obter información para levar a cabo unha programación. As conclusións a que chegamos a nivel de grupo foron as seguintes:


O DOGA, o BOE, o Currículo da Xunta, o PEC (Proxecto Educativo de Centro), o PLC (Proxecto Lingüístico de Centro) ou o RRI (Regulamente de Réxime Interno). Ademais, tamén podemos atopar unha gran cantidade de información para as programación no Instituto Galego de Estatística, no MCERL ou mesmo en manuais de didáctica xeral ou de linguas.


TERCEIRA ACTIVIDADE

Como última actividade debiamos encargarnos de buscar a programación didáctica da materia de lingua estranxeira dun centro de ensino galego e, en grupos de tres persoas, ir examinando as distintas partes. No noso caso, empregamos a programación didáctica da materia de inglés do IES 12 de Outubro, de Ourense. En concreto, centrámonos no curso de 2º da ESO.

O primeiro que nos chamou a atención é que, malia tratarse dunha programación para este curso académico (2015-2016), non se axustaba moito ás especificacións marcadas pola LOMCE, senón que en moitos aspectos seguía empregando a LOMCE. Así, por exemplo, non se falaba de competencias clave, senón de competencias básicas. Tampouco se trataban os estándares de aprendizaxe, senón os obxectivos de etapa.

Ademais da falta de adecuación á lexislación educativa actual, semellaba bastante incompleta. Por poñer un exemplo, no canto de concrecións metodolóxicas, fálase dos materias e recursos da aula e do centro e mais dos espazos dispoñibles, mais non se fala en ningún momento sobre os materiais didácticos ou os libros de texto que se van empregar.

Finalmente, o apartado de avaliación resultaba moi impreciso, tan só se facía alusión á que o sistema empregado sería a avaliación continua, pero non se mencionaba de xeito explícito cales ían ser os criterios de avaliación, ou se se ía realizar unha avaliación inicial.

As miñas reflexións

Penso que as actividades que levamos na aula, non só desta vez, senón en xeral, resultan moi adecuadas para ir asentando os novos contidos. No caso da primeira actividade da pirámide, permítenos introducirnos nun novo tema intentando relacionar os coñecementos previos que tiñamos sobre as programacións e a nova información que se nos ía presentar. Ademais, con esta actividade sempre xorden novas ideas ou dúbidas que comentamos e que tamén nos axudan a comprender e asimilar mellor os novos contidos.

Sobre a actividade de chuvia de ideas, tan só dicir que nos permitiu ir poñendo en común as fontes que se nos ían ocorrendo, o cal considero que é un moi bo xeito de ir construíndo o coñecemento entre todos e de facer que os estudantes se involucren na súa propia aprendizaxe.

 Finalmente, sobre última actividade cómpre dicir que me pareceu unha moi boa maneira non só de poñer en práctica o que aprendemos, senón tamén de comprobar o importante que resulta facer ben unha programación didáctica.

Ata aquí as actividades que compoñen o dosier desta semana. Espero que vos gustaran! Ata a próxima!




Ningún comentario:

Publicar un comentario