Nesta nova entrada do blog vouvos falar das actividades que realizamos na
aula na sesión do 1 de febreiro con Carlos Valcárcel. Na clase tratamos a
avaliación no ensino da lingua estranxeira e as actividades que realizamos
atópanse relacionadas con esta cuestión:
PRIMEIRA ACTIVIDADE
Como sempre, comezamos a sesión cunha actividade tipo pirámide a modo de warm-up, cuxo obxectivo era elaborar
unha listaxe sobre tres cousas negativas que apreciamos na avaliación ao longo
da nosa aprendizaxe. Ao tratarse dunha actividade en pirámide, primeiro
fixémolo de xeito individual, logo en parellas, despois en grupos de catro e
oito persoas, para finalmente expoñer as conclusións a modo de debate grupal.
Aquí van as miñas conclusións individuais:
Non facían avaliación inicial.
Non facían exame oral.
Só se tiña en conta o exame final para a
avaliación.
E velaquí as conclusións grupais:
Non facían exame oral.
Só se tiña en conta o exame final para a
avaliación.
Non se especificaban criterios de avaliación.
Como vedes, as conclusións grupais e individuais foron bastante parecidas,
de xeito que puidemos observar que case todos tiveramos as mesmas experiencias.
SEGUNDA ACTIVIDADE
Desta vez traballamos en grupos de tres persoas cun manual de linguas
estranxeiras que xa empregaramos hai algunhas semanas noutra actividade. O
obxectivo era atopar unha actividade de comprensión oral ou escrita e que
examinaramos a parte que servía para a avaliación.
No noso caso, centrámonos nunha actividade de comprensión escrita do manual
Beyond 2, co que xa traballaramos
noutra actividade, e seleccionamos unha actividade de comprensión escrita, que
consistía nun texto non moi longo coa aparencia dunha páxina web. A avaliación
da comprensión escrita realizábase mediante preguntas abertas que, polo xeral,
buscaban unha resposta moi curta e facilmente localizable no texto. Isto fainos
pensar en que o libro vai dirixido a estudantes cun nivel inicial ou intermedio
de inglés.
As miñas reflexións
A primeira actividade a modo de warm-up
resulta moi útil para comezar sesión non só para introducir os novos
contidos dun xeito moi ameno, senón que tamén nos permitiu aprender da nosa
experiencia como alumnos, ver e identificar cales foron os erros máis comúns e
evitar que nós os volvamos a reproducir no futuro. Penso que é moi importante
reflexionar en profundade sobre o que vivimos como estudantes, cales son os
puntos fortes e débiles dos que foron os nosos profesores, para mellorar nós
mesmos como docentes.
Sobre a segunda actividade, dicir que me pareceu moi oportuna, xa que, por
unha banda puxemos en práctica o que acababamos de aprender e, pola outra, o
material que empregamos xa nos era coñecido, o que permitiu que investísemos o
tempo en facer a tarefa, en non en ir coñecendo o manual.
Xa por último, a modo de reflexión global das actividades realizadas con
Carlos Valcárcel ao longo da materia, direi que as atopei tremenda útiles, ben
para asentar os contidos, ben para introducilos. Ademais, atopo moi interesante
o xeito no que emprega as actividades tipo pirámide a modo de warm-up. Gústame moito e, ao mesmo
tempo, paréceme moi enriquecedor o debate que adoitan xerar entre todos nós. Un
debate que o docente vai logo guiando cara os puntos que considera máis
importantes de cara á materia. Dende o meu punto de vista, funciona moi ben para
involucrarnos na aprendizaxe.









