venres, 4 de marzo de 2016

Reflexión global

Ola a todos!


Agora que rematamos as aulas con Luz Valencia e Ana Fontenla, vouvos presentar nesta entrada a miña reflexión global sobre esta parte da materia de Didáctica. A verdade é que me sinto moi agradecida por todo o que aprendín, tanto con Luz como con Ana, sobre o ensino da lingua inglesa. Compartiron con nós a súa experiencia como docentes, déronnos moi bos consellos e traballamos con elas unha gran cantidade de actividades que espero poder poñer en práctica pronto!



Sobre a organización das sesións, considero que non pode haber mellor maneira de enfocar o ensino das destrezas de comprensión e produción oral e escrita. Ao longo das demais materias, abordáronse tódolos contidos dun xeito fundamentalmente teórico. Botábase de menos un pouco de práctica! Presentar distintas actividades e realizalas na aula resulta de gran axuda non só para ir recompilando novas ideas, senón tamén para reflexionar sobre como e cando as podemos aplicar ou que podemos conseguir con elas.



Con respecto á última sesión, na que organizamos un debate grupal para tratar distintos temas (o uso das TIC nas aulas, os libros de texto, os deberes e mais como abordar o acoso escolar), dicir que me resultou unha experiencia moi enriquecedora. Como suxerencia para próximos anos, tal vez se poderían organizar as aulas para deixar uns minutos ao final de cada sesión e tocar un destes temas de cada vez. Dese xeito, poderíase aproveitar ese tempo para tratar máis en profundidade todas as dúbidas e preguntas que ían xurdindo ao longo da sesión.

Por último (aínda que non menos importante), dicir que o de verdade me levo sobre as aulas con Luz e con Ana son as ganas. Penso que a motivación polo seu traballo é algo que transmiten en cada unha das súas clases e coa que nos contaxiaron a todos. Así que, de novo, grazas.


Ata pronto!

1 comentario:

  1. Moitísimas gracias polo comentario final. Xusto o que queríamos transmitir é o que ti mencionas, as ganas de facer ben o traballo. Polo menos no teu caso, misión cumplida! Sorte para o teu futuro persoal e profesional.

    ResponderEliminar