Amosando publicacións coa etiqueta dossier de Luz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta dossier de Luz. Amosar todas as publicacións

martes, 1 de marzo de 2016

Actividade sobre comprensión e produción escrita

Nesta nova entrada de blog vouvos presentar a actividade de que seleccionei para practicar a produción escrita e que podedes atopar neste enlace da páxina de Lessonstream.

A actividade coñécese polo nome de The English tenses e vai destinada a traballar os tempos verbais en inglés a través da expresión escrita. Na proposta orixinal, vai destinada a alumnos de nivel básico a intermedio (no meu caso empregaríaa en 2º da ESO) e para a súa realización establécense uns 25 minutos.


A idea principal é solicitar un voluntario entre os estudantes, que se encargará de debuxar unha persoa no encerado cunha expresión triste na cara. A continuación, pídese aos estudantes que vaian construíndo a identidade desa persoa e mais razóns polas cales pode estar triste. A continuación, imos a viaxar no tempo cara ao futuro. Mudamos entón a expresión de tristeza do debuxo por un sorriso e pedímoslle aos estudantes que nos digan de memoria cales son eran os motivos polos cales esa persoa estaba triste un ano antes. Xa por último, pedímoslles que escriban unha redacción cunha historia sobre o que eles pensan que aconteceu nese ano para que agora a persoa se sinta feliz.

A selección desta actividade ven determinada por unha banda pola súa flexibilidade. A personaxe que debuxan no encerado é totalmente aberta e vaise creando de xeito colaborativo, coas aportacións de todos os compañeiros. Isto resulta ideal para traballar a imaxinación dos estudantes e facer que se sintan moito máis implicados na súa aprendizaxe. Ademais, o feito te ter que ir recordando as ideas que van saíndo para logo facer unha redacción fai que, ao mesmo tempo, esteamos traballando a memoria dos nosos alumnos, un elemento crucial no ensino de linguas estranxeiras.

Por outra banda, esta actividade resulta tremendamente sinxela e esixe moi pouco input por parte do profesor. Céntrase ante todo en conseguir o maior output posible por parte dos estudantes. Mesmo para traballar unha cuestión como os tempos verbais, búscase implicar ao alumno e facerlle a aprendizaxe amena e divertida, aplicando unha metodoloxía fundamentalmente comunicativa.

Por último, con respecto a outras posibles suxerencias de aplicación, penso que esta actividade podería dar pé a traballar tamén a comprensión escrita, se lles pedimos que se intercambien a redacción cun compañeiro e, despois de lela, vexan se coinciden nalgún dos motivos ou que cal consideran que é máis crible. Se se quere ampliar a actividade, mesmo se podería facer un debate grupal para ir vendo os motivos principais de cada unha das propostas que leron (deste xeito imos traballando a capacidade de resumo e de localizar as ideas principais dun texto) para preguntar, finalmente, cal é o que lles parece que pode ser o mais real.


Espero que vos gustara! Ata a próxima!

venres, 19 de febreiro de 2016

Actividade de produción oral a partir dunha foto

Nesta entrada preséntovos a miña proposta para a actividade que Luz nos encargou para a seguinte sesión, que vai destinada a traballar a produción oral a través dunha foto. Pois ben, no meu caso, decidín escoller unha foto persoal, para economizar o tempo invertido en idear a actividade, xa que información que vou necesitar xa se atopa na miña memoria. Ademais, co carácter persoal da imaxe espérase espertar tamén o interese dos alumnos.

A actividade vai destinada a alumnos de segundo ou terceiro da ESO e introduciríase nun contexto no que se estea a traballar vocabulario relacionado cos alimentos e comidas en inglés. A idea é organizalos en grupos de 4 ou 5 persoas e presentarlles a seguinte imaxe:



Primeiro, pregúntaselles que é o que ven na imaxe, quen pensan que a fixo e para quen. Cando adiviñar que a tarta a fixo a súa profesora, aumentará a súa curiosidade por saber máis. Unha vez que temos gañado o seu interese, explicámoslle a parte central da actividade, que consiste en que cada grupo intente adiviñar tódolos ingredientes que poida da tarta facendo preguntas á profesora.
Deste xeito repásanse alimentos básicos (eggs, milk, sugar, butter, chocolate...) ao tempo que se van introducindo outros novos (flour, vanilla, ...).

Dependendo do que desexemos que dure a actividade, podemos empregar este mesmo material para repasar verbos relacionados coas accións que se tiveron que levar a cabo para facer a tarta (add, mix, bake, prepare,  ). Ao mesmo tempo, podemos ir combinando os verbos cos alimentos que empregamos anteriormente. Deste xeito, se lles facemos recordar os alimentos, imos estimulando a súa memoria a curto prazo. Se nos interesa, tamén poderíamos ir introducindo os distintos utensilios de cociña que se empregaron (fork, spoon, knife, mixer, oven...)

Ata aquí sería a actividade para traballar a produción oral, pero, se nos interesa, tamén poderíamos estirala aínda máis e traballar a produción escrita. Así, unha vez traballados todos os aspectos anteriores, poderíase pedirlle aos alumnos que escribiran os pasos que eles consideran que se seguiron para facer a tarta. Non terían que empregar estruturas gramaticais moi complexas, senón ir escribindo os pasos co vocabulario e os verbos que foron escoitando, engadindo conectores que permitan organizar as accións que se levan a cabo (empregando por exemplo firstly, secondly, then, finally...).


Estas son as aplicacións que se me ocorren agora mesmo para a actividade, pero estou segura de que habería moitas máis. Espero que vos gustara!

xoves, 11 de febreiro de 2016

Actividade para traballar competencias

Nesta nova entrada vouvos presentar a miña proposta para a actividade da sesión coa docente Luz María, na que se debían traballar polo menos dúas competencias. Espero que vos guste!

A actividade que propoño vai destinada a unha clase de inglés de 4º ESO ou 1º de Bacharelato e está pensada para ser realizada nunha sesión, malia que, como comentarei despois, cabe a posibilidade que os alumnos dediquen un pouco de tempo na súa casa. Esta actividade tamén é ideal para realizar en módulos de Formación Profesional que conten cunha materia de inglés como lingua estranxeira.

Primeira parte da actividade:

Para comezar, a profesora presenta un vídeo en inglés sobre a elaboración dun currículo e os estudantes van anotando nun papel en branco as partes que consideran que ten que ter. A continuación, dáselles a opción de revisar e comparar os resultados en parellas ou en grupos. Se o desexan, no seu lugar poden levar a cabo a revisión do que escribiron de xeito individual.


Despois, ábrese un debate grupal no que se van lendo as respostas en alto para ir completando o exercicio en voz alta entre todos e coa axuda da profesora. Ao mesmo tempo, vanse comentando as diferenzas que existen con respecto aos elementos dun currículo en lingua española.

Segunda parte da actividade:

Agora que os estudantes xa saben como redactar un currículo en inglés, pásase á segunda parte da actividade: poñer en práctica o que aprenderon. Para iso, a profesora propón unha oferta de traballo á que os estudantes deben responder redactando o seu currículo. Os alumnos teñen dúas alternativas para realizar a tarefa, co que se pretende ter en conta as necesidades e preferencias de todos alumnos:

  •             Poden contestar á oferta proposta pola profesora, ben con datos reais, ben con datos ficticios.
  •          Poden buscar outra oferta e postular o seu currículo empregando datos reais ou ficticios. Neste caso, deben informar sobre a oferta que seleccionaron.

Deste xeito, preténdese acadar un maior grao de motivación por parte dos alumnos, ao crear unha tarefa flexible e cunha utilidade práctica real.



A elaboración do currículo pode realizarse en formato dixital ou en papel, dependendo dos recursos do centro. Ademais, cabe a posibilidade de que os alumnos entreguen a actividade na seguinte sesión, para proporcionarlles tempo para rematar a tarefa na casa se así o desexan.


Competencias que se traballan:
  • Competencia lingüística: os estudantes traballan a expresión escrita en lingua inglesa nunha situación comunicativa que podería chegar a producirse nun contexto real.
  • Aprender a aprender: saber como elaborar un currículo e coñecer como manexar os recursos adecuados para facelo.
  • Sentido da iniciativa e espírito emprendedor: ven dado polo carácter flexible da tarefa, que fomenta a toma de decisións e mesmo permite premiar a aqueles estudantes que se esforcen por realizar un bo traballo.
  • Conciencia e expresións culturais: analízanse as diferenzas culturais relativas á mesma tipoloxía textual dentro de dúas culturas distintas.
  • Competencias socias e cívicas: saber como redactar un currículo resulta fundamental na sociedade actual para poder acceder a un posto de traballo.
  • Competencia dixital (se se empregan recursos dixitais): os estudantes teñen a oportunidade de experimentar co procesador de textos para crear distintos formatos para o seu currículo.