Ola a todos!
Hoxe veño a presentarvos a miña reflexión sobre a sesións dos días 24 e 25
de febreiro con Luz e Ana. Na aula traballamos, a comprensión e a produción
escrita e realizamos varias actividades para traballar estas destrezas cos
nosos alumnos. Noutras entradas xa vos teño falado da tremenda utilidade que
lle atopo a este enfoque práctico, que nos permite poñernos no rol do estudante
e comprender e mellor os obxectivos da actividade que imos propoñer. Mais hoxe gustaríame
centrarme noutros dous aspectos da sesión que tamén me pareceron moi
proveitosos de cara a nosa labor docente.
O primeiro, que comentan tanto Luz como Ana nas súas clases, é a necesidade
de enfocar unha actividade a un obxectivo ou obxectivos concretos. Así, cando
falamos da expresión escrita, Luz comentábanos a posibilidade de aproveitar esa
produción cara un propósito concreto, como pode ser recomendar unha película ou
un libro no blog da biblio, na clase, etc. Pola súa banda, Ana falábanos da
posibilidade de traballar cunha receita para que finalmente a fagan, por
exemplo. Penso que deste xeito se crea un information
gap real que engadirá valor ás nosas actividades e fomentará, ao mesmo tempo,
o interese dos estudantes.
Moi relacionado con isto se atopa a necesidade de ensinar aos nosos alumnos
de ser capaces de recoñecer as ideas principais dun texto e de facer resumos. É
fundamental que saiban como resumir porque, ademais, de tratarse dun exercicio
propio da selectividade, é necesario para mellorar a súa comprensión lectora. Os
exercicios que fagamos na aula relacionados coa produción e comprensión escrita
deberían estar destinados tamén a traballar estes aspectos para que os nosos
alumnos vaian desenvolvendo as estratexias que necesitan para realizar estes
exercicios adecuadamente.
O segundo aspecto que me gustaría destacar é tan só un par de ideas que propuxo
Luz para a corrección dos traballos escritos, que consisten en facerlles
empregar procesadores de textos para realizar a redacción ou mesmo realizar a
corrección de xeito grupal.
Xa por último, sobre a avaliación do traballo escrito, gustaríame facer
fincapé na importancia de empregar rúbricas de avaliación para orientar as
nosas correccións e non limitarnos a sinalar os erros gramaticais. Penso que
tamén se deben ter en conta outros aspectos, como o uso de mecanismos de
cohesión ou a coherencia dentro do texto. Lémbrome que nalgunha ocasión, tamén se
nos comentara a posibilidade de corrixir empregando cores, para que foran os
propios alumnos os que detectaran os erros e tiveran a oportunidade de modificalo
para mellorar así a súa puntuación. Que perdan o medo aos erros é crucial na
clase de linguas e fomenta que, por exemplo, se atrevan a empregar estruturas gramaticais
e vocabulario máis complexo.


Ningún comentario:
Publicar un comentario