Amosando publicacións coa etiqueta dossier de Carlos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta dossier de Carlos. Amosar todas as publicacións

xoves, 3 de marzo de 2016

Sesión do 1 de marzo

Nesta nova entrada do blog vouvos falar das actividades que realizamos na aula na sesión do 1 de febreiro con Carlos Valcárcel. Na clase tratamos a avaliación no ensino da lingua estranxeira e as actividades que realizamos atópanse relacionadas con esta cuestión:

PRIMEIRA ACTIVIDADE

Como sempre, comezamos a sesión cunha actividade tipo pirámide a modo de warm-up, cuxo obxectivo era elaborar unha listaxe sobre tres cousas negativas que apreciamos na avaliación ao longo da nosa aprendizaxe. Ao tratarse dunha actividade en pirámide, primeiro fixémolo de xeito individual, logo en parellas, despois en grupos de catro e oito persoas, para finalmente expoñer as conclusións a modo de debate grupal.

Aquí van as miñas conclusións individuais:

Non facían avaliación inicial.
Non facían exame oral.
Só se tiña en conta o exame final para a avaliación.

E velaquí as conclusións grupais:
Non facían exame oral.
Só se tiña en conta o exame final para a avaliación.
Non se especificaban criterios de avaliación.


Como vedes, as conclusións grupais e individuais foron bastante parecidas, de xeito que puidemos observar que case todos tiveramos as mesmas experiencias.


SEGUNDA ACTIVIDADE

Desta vez traballamos en grupos de tres persoas cun manual de linguas estranxeiras que xa empregaramos hai algunhas semanas noutra actividade. O obxectivo era atopar unha actividade de comprensión oral ou escrita e que examinaramos a parte que servía para a avaliación.


No noso caso, centrámonos nunha actividade de comprensión escrita do manual Beyond 2, co que xa traballaramos noutra actividade, e seleccionamos unha actividade de comprensión escrita, que consistía nun texto non moi longo coa aparencia dunha páxina web. A avaliación da comprensión escrita realizábase mediante preguntas abertas que, polo xeral, buscaban unha resposta moi curta e facilmente localizable no texto. Isto fainos pensar en que o libro vai dirixido a estudantes cun nivel inicial ou intermedio de inglés.


As miñas reflexións

A primeira actividade a modo de warm-up resulta moi útil para comezar sesión non só para introducir os novos contidos dun xeito moi ameno, senón que tamén nos permitiu aprender da nosa experiencia como alumnos, ver e identificar cales foron os erros máis comúns e evitar que nós os volvamos a reproducir no futuro. Penso que é moi importante reflexionar en profundade sobre o que vivimos como estudantes, cales son os puntos fortes e débiles dos que foron os nosos profesores, para mellorar nós mesmos como docentes.

Sobre a segunda actividade, dicir que me pareceu moi oportuna, xa que, por unha banda puxemos en práctica o que acababamos de aprender e, pola outra, o material que empregamos xa nos era coñecido, o que permitiu que investísemos o tempo en facer a tarefa, en non en ir coñecendo o manual.


Xa por último, a modo de reflexión global das actividades realizadas con Carlos Valcárcel ao longo da materia, direi que as atopei tremenda útiles, ben para asentar os contidos, ben para introducilos. Ademais, atopo moi interesante o xeito no que emprega as actividades tipo pirámide a modo de warm-up. Gústame moito e, ao mesmo tempo, paréceme moi enriquecedor o debate que adoitan xerar entre todos nós. Un debate que o docente vai logo guiando cara os puntos que considera máis importantes de cara á materia. Dende o meu punto de vista, funciona moi ben para involucrarnos na aprendizaxe.


Ata aquí a última entrada do dossier de Carlos. Espero que vos gustara! Ata pronto!

martes, 1 de marzo de 2016

Dossier do 23 de febreiro

Ola a todos!

Nesta entrada de dossier vouvos presentar as actividades que realizamos na aula o pasado día 23 de febreiro con Carlos Valcárcel. A sesión, como podedes comprobar na entrada de diario, tratou sobre as programacións didácticas e, como é de esperar, as tres actividades que aquí vos deixo atópanse moi relacionadas cos contidos que estivemos vendo na clase:




PRIMEIRA ACTIVIDADE

Comezamos a sesión cunha actividade de tipo pirámide, na que debíamos facer unha lista sobre os aspectos que nós considerábamos fundamentais nunha programación. A continuación, realizamos primeiro un debate en parellas, logo en grupos de catro e finalmente de oito persoas ata chegar a unhas conclusións conxuntas para, finalmente, realizar un debate grupal.

Velaquí as miñas conclusións individuais sobre os aspectos fundamentais da programación:

Os obxectivos.
Os contidos.
A temporalización.


O certo é que logo de debater cos demais compañeiros funme dando de conta de que, en realidade, estes non eran aspectos fundamentais dunha programación, senón que moitos deles mesmo aparecen no currículo básico do ensino secundario. Moito máis importantes son os que consideramos finalmente a nivel de grupo:
  •  A metodoloxía (aínda que sobre esta tamén se poden atopar certos contidos no MCERL)
  • A temporalización (para min o máis importante, xa que é o máis se vai necesitar para orientar as sesións no caso de que o docente teña que ser substituído.)
  • Os criterios de avaliación (como imos avaliar).



SEGUNDA ACTIVIDADE

Desta vez organizamos unha chuvia de ideas para ir elaborando unha lista con aquelas fontes das que podemos obter información para levar a cabo unha programación. As conclusións a que chegamos a nivel de grupo foron as seguintes:


O DOGA, o BOE, o Currículo da Xunta, o PEC (Proxecto Educativo de Centro), o PLC (Proxecto Lingüístico de Centro) ou o RRI (Regulamente de Réxime Interno). Ademais, tamén podemos atopar unha gran cantidade de información para as programación no Instituto Galego de Estatística, no MCERL ou mesmo en manuais de didáctica xeral ou de linguas.


TERCEIRA ACTIVIDADE

Como última actividade debiamos encargarnos de buscar a programación didáctica da materia de lingua estranxeira dun centro de ensino galego e, en grupos de tres persoas, ir examinando as distintas partes. No noso caso, empregamos a programación didáctica da materia de inglés do IES 12 de Outubro, de Ourense. En concreto, centrámonos no curso de 2º da ESO.

O primeiro que nos chamou a atención é que, malia tratarse dunha programación para este curso académico (2015-2016), non se axustaba moito ás especificacións marcadas pola LOMCE, senón que en moitos aspectos seguía empregando a LOMCE. Así, por exemplo, non se falaba de competencias clave, senón de competencias básicas. Tampouco se trataban os estándares de aprendizaxe, senón os obxectivos de etapa.

Ademais da falta de adecuación á lexislación educativa actual, semellaba bastante incompleta. Por poñer un exemplo, no canto de concrecións metodolóxicas, fálase dos materias e recursos da aula e do centro e mais dos espazos dispoñibles, mais non se fala en ningún momento sobre os materiais didácticos ou os libros de texto que se van empregar.

Finalmente, o apartado de avaliación resultaba moi impreciso, tan só se facía alusión á que o sistema empregado sería a avaliación continua, pero non se mencionaba de xeito explícito cales ían ser os criterios de avaliación, ou se se ía realizar unha avaliación inicial.

As miñas reflexións

Penso que as actividades que levamos na aula, non só desta vez, senón en xeral, resultan moi adecuadas para ir asentando os novos contidos. No caso da primeira actividade da pirámide, permítenos introducirnos nun novo tema intentando relacionar os coñecementos previos que tiñamos sobre as programacións e a nova información que se nos ía presentar. Ademais, con esta actividade sempre xorden novas ideas ou dúbidas que comentamos e que tamén nos axudan a comprender e asimilar mellor os novos contidos.

Sobre a actividade de chuvia de ideas, tan só dicir que nos permitiu ir poñendo en común as fontes que se nos ían ocorrendo, o cal considero que é un moi bo xeito de ir construíndo o coñecemento entre todos e de facer que os estudantes se involucren na súa propia aprendizaxe.

 Finalmente, sobre última actividade cómpre dicir que me pareceu unha moi boa maneira non só de poñer en práctica o que aprendemos, senón tamén de comprobar o importante que resulta facer ben unha programación didáctica.

Ata aquí as actividades que compoñen o dosier desta semana. Espero que vos gustaran! Ata a próxima!




venres, 19 de febreiro de 2016

Actividades da sesión do 16 de febreiro

Nesta nova entrada de Dossier vou presentar as actividades que realizamos na sesión do 16 de febreiro co Carlos Valcárcel, que ían destinadas a repasar os distintos niveis de concreción curricular e máis a analizar as metodoloxías aplicadas no ensino da lingua estranxeira a través da análise de distintos libros de texto. Aquí vos deixo un breve resumo de cada una delas, xunto cunha reflexión final ao respecto!

1ª Actividade

A sesión comezou cunha actividade a modo de warm up, na que tiñamos que relacionar unha serie de conceptos (Currículum ESO, PEC, Programación (materia), MECR, PLC, LOMCE) co seu correspondente nivel de concreción curricular. Para a realización da actividade organizámonos en grupos dunhas catro persoas, nos que tivemos que debater ata chegar a un consenso sobre a solución.  Velaquí as nosas conclusións:



Primeiro nivel: LOMCE, MERC (Consello de Europa), Currículum ESO
Segundo nivel: PEC PLC.
Terceiro nivel: Programación (materia).
Cuarto nivel: Programación (materia), xa que inclúe as adaptacións curriculares.






2º Actividade

Na seguinte actividade empregamos a coñecida Pirámide, da que xa teño falado en entradas anteriores, para elaborar unha lista coas cinco actividades que máis realizábamos nas aulas de lingua estranxeira dende a nosa perspectiva como alumnos. A lista conformábase primeiro de xeito individual, lodo comparábamos os resultados en parellas e íamos escollendo as opcións que máis se repetían. A continuación, repetimos o proceso en grupos de catro e, por último, de oito persoas. Deste xeito, obtivemos unha visión comparativa das actividades que máis se empregan no ensino da lingua estranxeira. Aquí vos deixo as miñas conclusións individuais e as conclusións grupais finais:

Conclusións individuais:
1. Fill in the blanks
2. Reading
3. Tradución
4. Reformular oracións
5. Listen and repeat

Conclusións grupais:
1. Fill in the blanks.
2. Listening
3. Reading


3º Actividade

De novo en grupos, no noso caso de tres persoas, levamos a cabo unha análise sobre un método de ensino da lingua francesa, na que cada grupo se encargaba de estudar unha cuestión. Nós debíamos centrarnos en ver que actividades se empregaban para traballar a fonética e a pronunciación. A este respecto, chamounos moito a atención que a redacción das instrucións para realizar os exercicios se fixera en francés e en español. Isto débese a que se trataba dun libro bastante antigo, xa que os métodos actuais adoitan empregar só a lingua estranxeira.

En canto aos exercicios dedicados a traballar a fonética e a pronunciación, estes eran ben escasos. Non había ningún exercicio no que se traballara a fonética de xeito específico, tan só observamos algunhas actividades destinadas a ler en voz alta ou memorizar e logo repetir en voz alta.

Concluímos, polo tanto, que se trataba dun método propio da metodoloxía tradicional, que se centraba máis en traballar a gramática de xeito explícito, e con actividades de comprensión e produción escrita moi dirixidas, centradas en ditados ou lectura de textos.

4º Actividade

Esta actividade atópase moi relacionada coa actividade anterior, pois de novo en grupos tiñamos que analizar un método de ensino. Desta vez, tratábase dun método moito máis actual, no que tiñamos que estudar a metodoloxía dunha das unidade do libro (Beyond 2 no noso caso).

Agora si se incluían exercicios de fonética e pronunciación, nos que se polo xeral se pedía ao estudante que escoitara primeiro e logo repetira unha serie de palabras. Para a comprensión oral, ademais de exercicios de listening, incluíanse outros nos que os alumnos debían escoitar para ir comprobando as súas respostas. A produción oral trabállase tamén en algunhas actividades nas que se pide ao estudante que fale con outro compañeiro sobre unha determinada cuestión relacionada coa unidade. Nestes casos, inclúense cadros con exemplos de oracións que se poden empregar.

En canto á gramática, neste método empréganse varios exercicios de tipo estrutural, destinados a escoller o verbo adecuado segundo o caso, completar os ocos, relacionar ou escoller a opción correcta. O léxico trabállase a partir dun texto relacionado co vocabulario que se pretende ensinar na unidade e máis con exercicios para relacionar determinados conceptos con fotografías.

Polo que puidemos observar, o noso método é fundamentalmente comunicativo e a gramática traballase de xeito implícito, xa que, malia que se inclúen exercicios, as explicacións gramaticais son bastante reducidas e sempre dentro do contexto concreto que se está a traballar na unidade.

Algunhas reflexións...

A miña opinión sobre as actividades de tipo Pirámide podédela atopar noutras entradas, sempre a considero un bo xeito de traballar de xeito cooperativo e que nos permite. A actividade de warm-up que realizamos pareceume moi axeitada para comezar a introducir a sesión, xa que permitía avaliar os coñecementos que tiñamos sobre os niveis de concreción curricular, relacionar conceptos e ir comentando novas ideas.

Por último, sobre as actividades tres e catro, dicir que me parecen unha boa maneira de poñer en práctica o que íamos aprendendo sobre as metodoloxías de ensino da lingua estranxeira. Deste xeito, puidemos comparar dous métodos ben diferentes (un tradicional e outro moito máis actual) para facernos unha idea moito máis clara do principios básicos de cada metodoloxía.