Para esta nova entrada do Diario, preséntovos a miña reflexión sobre a
clase do pasado día 16 de febreiro con Carlos Valcárcel. Xa que na aula
estivemos vendo distintas metodoloxías de ensino da lingua estranxeira, para
esta entrada vouvos falar sobre a miña experiencia como estudante de lingua
estranxeira ao longo da Educación Secundaria e no Bacharelato.
Non hai tanto tempo que os cursei, pero a metodoloxía que se empregaba aproximábase
máis á tradicional. Eran moi raras as veces que se facía exercicios de comprensión
oral e aínda máis escasos os de produción oral. Si teño que recoñecer que houbo
algúns intentos de traballar a produción oral, pero limitábanse á memorización
de redaccións ou diálogos que logo se reproducían na clase. O ensino centrábase
fundamentalmente na gramática, que se presentaba de xeito explícito. Así durante as clases o habitual era realizar exercicios
moi repetitivos de tipo estrutural (fill
in the blanks, por exemplo). Tamén se traballa moito coa tradución de
oracións cara á lingua estranxeira e con listas de vocabulario de debíamos aprender
de memoria. En xeral, os docentes seguían un libro de texto que semellaba
bastante comunicativo e que incluía actividades de produción e comprensión oral,
pero na práctica tan só se decantaban polas que ían orientadas ao traballo de
estruturas gramaticais.
O certo é que aprender unha lingua deste xeito tan só da lugar a que os
estudantes teñan medo de empregala na oralidade e teñan a sensación de estar
aprendendo o mesmo constantemente. Penso que non son a única que ten unha
experiencia deste tipo. De feito, penso que algo se está a facer mal en canto
ao método empregado para o ensino da lingua estranxeira. Sobre todo, cando o
resultado son alumnos desmotivados que non ven o momento de deixar de lado a
materia.
Cal pode ser o problema? Dende o meu punto de vista, poden darse
dúas situacións: o descoñecemento ou
a comodidade. Pode ser que nalgúns
casos non se conte coa formación didáctica suficiente como para saber
seleccionar a metodoloxía máis adecuada. Mais penso que moitas veces tamén se
trata dunha cuestión de comodidade. Resulta moito máis doado (e tamén aburrido)
corrixir exercicios de gramática que valorar de xeito diario a produción oral dos
alumnos. Moito máis doado aínda se facemos un único exame ao final do trimestre
e deixamos de lado a importancia de fomentar o traballo diario no estudo das
linguas estranxeiras. Un pouco de ética profesional, máis motivación (vocación,
nunha palabra) e unha formación axeitada do profesorado penso que resolverían
en boa medida esta situación.
E vós, que pensades? Foi semellante a vosa experiencia como estudantes de
linguas estranxeiras?

Ningún comentario:
Publicar un comentario