martes, 1 de marzo de 2016

As programacións didácticas

Hoxe veño a presentarvos a miña reflexión sobre a última sesión que tivemos con Carlos Valcárcel, o pasado 23 de febreiro. Na aula falamos sobre as programacións didácticas, centrándonos nas partes que considerábamos que debían compoñer unha programación, as súas fases, as fontes, e demais aspectos relacionados con esta cuestión. Non obstante, o que máis me chamou a atención da sesión foi unha das actividades que tivemos que levar a cabo, que consistía en ir examinando unha programación real sobre a materia de lingua estranxeira inglesa dun centro galego. Nesta outra entrada fálovos máis polo miúdo sobre as nosas conclusións, a partir das cales poderemos comprobar o pouco rigorosa que era.

Non se trata dun feito illado, non. Conforme íamos comprobando en voz alta os compoñentes de cada unha das nosas programacións, iámonos decatando do pouco que se axustaban ao que acabábamos de ver na aula. Poucas eran as que se contiñan tódalas partes esperables, e moi poucas contiñan un cronograma detallado co que se ía realizar cada semana (algo que considero crucial para comprobar se estamos cumprindo cos nosos obxectivos) ou rúbricas de avaliación, e moito menos explicaban adecuadamente a metodoloxía que ían aplicar.


Penso que existen varios factores que poden levar a realizar unha programación didáctica destas características. Primeiro, cómpre non perder de vista a rapidez coa que se impuxo a LOMCE e a necesidade de entregar programacións que se axustaran as súas esixencias sen recibir en moitos unha formación adecuada ao respecto. 

Segundo, a falta  de formación en didáctica da meirande parte do profesorado do Ensino Secundario. 

Terceiro, tamén relacionado co anterior, as diferenzas que existen entre a programación (de aula) que se esixe para superar a oposición e as programacións reais (de aula ou de curso) que imos ter que realizar despois no desempeño da profesión. 

Por último, e non menos importante, a visión que teñen moitos dos docentes do Ensino Secundario sobre as programacións, que consideran un mero trámite burocrático, no canto de entendelas como un instrumento fundamental para organizar correctamente as sesións e establecer e revisar os obxectivos para ese curso. 

Con semellante falta de organización, non é de doado saber que se estuda en curso, nin organizar unha adquisición progresiva do coñecemento, o que da lugar a que rematemos ensinando sempre o mesmo (o verbo to be, o presente simple, etc.).

 Finalmente, gustaríame comentar tamén a necesidade de expoñer as nosas programacións (se non toda, polo menos as partes fundamentais relativas á temporalización, avaliación, etc.) aos nosos alumnos. Considero que é fundamental que eles saiban como van a ser avaliados, cales son os obxectivos do curso  e que competencias necesitan desenvolver.

E vós, que pensades sobre as programacións didácticas? Considerades que se están a realizar dun xeito adecuado ou poden ser mellorables?


Espero que vos gustara! Ata a próxima!

Ningún comentario:

Publicar un comentario