Nesta nova entrada vouvos presentar as miñas reflexións sobre a última
sesión con Luz Valencia, que tivo lugar o día 17 de febreiro. Na clase falamos
sobre as actividades destinadas á práctica da produción oral na lingua
estranxeira é o certo é que resultou de novo unha sesión moi útil na que fun
apuntando moitas ideas que espero poñer a proba.
Ademais desta batería de actividades que imos conformando, penso que desta
sesión quédome tamén cunha serie de nocións moi importantes que penso que temos
que ter en conta á hora de elaborar as nosas actividades.
En primeiro lugar, as diferenzas entre exercicio, actividade e proxecto! Cando
preparamos unha sesión debemos ter en conta sempre a finalidade de cada un deles e o que queremos
conseguir. Quédome, sobre todo, co consello sobre o perigo e a complexidade dos
proxectos. Ás veces, é mellor comezar con cousas menos ambiciosas, pero ben
enfocadas e cun obxectivo claro, que embarcarse nun proxecto sen saber moi ben
onde nos vai levar (anotado queda!).
En segundo lugar, o concepto MINIMAX para poñer en práctica na elaboración
das actividades. Moitas veces investimos unha gran cantidade de tempo en
preparar un material que só imos poder empregar en contadas ocasións. O mellor
é entón economizar e sacar o máximo
partido a cada actividade que preparemos, dándolle un toque persoal co que conseguiremos involucrar
máis aos nosos alumnos. A este respecto,
chamoume moito a atención o xeito en que podemos ir variando a mecánica dunha
actividade para que os estudantes traballen aspectos como a imaxinación ou mesmo a memoria. Paréceme fundamental este
xeito de enfocar as actividades de expresión oral para que deixen de tratar,
por exemplo, sobre o tan habitual comentario dunha imaxe que non nos inspira
absolutamente nada! Nesta outra entrada podedes ver como aplico o concepto
MINIMAX no desenvolvemento dunha actividade de produción oral.
Xa por último e a modo de reflexión xeral, teño que poñer énfase na
necesidade de traballar a expresión oral nas aulas! Penso que se os alumnos se
senten moito máis motivados cara ao estudo dunha lingua se aplicamos un enfoque
comunicativo, con situacións moi semellantes ás que se poden dar en contextos
reais. Deste xeito danse de conta da utilidade real do que están aprendendo e
deixan de asociar a aprendizaxe dunha nova lingua coa memorización de léxico e
estruturas gramaticais totalmente descontextualizadas que logo non saben
aplicar.
Aproveito para comentar sobre as dúas reflexións, alégrome de que vaias descubrindo tips para logo poñer en práctica nas clases. É necesaria a práctica pero tamén temos que saber que está detrás de cada actividade, por iso vos fago que pensedes e analicedes as actividades. Xa vexo que ti o fas moi ben.
ResponderEliminar