Amosando publicacións coa etiqueta diario de Ana. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta diario de Ana. Amosar todas as publicacións

venres, 4 de marzo de 2016

Reflexión global

Ola a todos!


Agora que rematamos as aulas con Luz Valencia e Ana Fontenla, vouvos presentar nesta entrada a miña reflexión global sobre esta parte da materia de Didáctica. A verdade é que me sinto moi agradecida por todo o que aprendín, tanto con Luz como con Ana, sobre o ensino da lingua inglesa. Compartiron con nós a súa experiencia como docentes, déronnos moi bos consellos e traballamos con elas unha gran cantidade de actividades que espero poder poñer en práctica pronto!



Sobre a organización das sesións, considero que non pode haber mellor maneira de enfocar o ensino das destrezas de comprensión e produción oral e escrita. Ao longo das demais materias, abordáronse tódolos contidos dun xeito fundamentalmente teórico. Botábase de menos un pouco de práctica! Presentar distintas actividades e realizalas na aula resulta de gran axuda non só para ir recompilando novas ideas, senón tamén para reflexionar sobre como e cando as podemos aplicar ou que podemos conseguir con elas.



Con respecto á última sesión, na que organizamos un debate grupal para tratar distintos temas (o uso das TIC nas aulas, os libros de texto, os deberes e mais como abordar o acoso escolar), dicir que me resultou unha experiencia moi enriquecedora. Como suxerencia para próximos anos, tal vez se poderían organizar as aulas para deixar uns minutos ao final de cada sesión e tocar un destes temas de cada vez. Dese xeito, poderíase aproveitar ese tempo para tratar máis en profundidade todas as dúbidas e preguntas que ían xurdindo ao longo da sesión.

Por último (aínda que non menos importante), dicir que o de verdade me levo sobre as aulas con Luz e con Ana son as ganas. Penso que a motivación polo seu traballo é algo que transmiten en cada unha das súas clases e coa que nos contaxiaron a todos. Así que, de novo, grazas.


Ata pronto!

martes, 1 de marzo de 2016

Sesións do 24 e 25 de febreiro

Ola a todos!

Hoxe veño a presentarvos a miña reflexión sobre a sesións dos días 24 e 25 de febreiro con Luz e Ana. Na aula traballamos, a comprensión e a produción escrita e realizamos varias actividades para traballar estas destrezas cos nosos alumnos. Noutras entradas xa vos teño falado da tremenda utilidade que lle atopo a este enfoque práctico, que nos permite poñernos no rol do estudante e comprender e mellor os obxectivos da actividade que imos propoñer. Mais hoxe gustaríame centrarme noutros dous aspectos da sesión que tamén me pareceron moi proveitosos de cara a nosa labor docente.

O primeiro, que comentan tanto Luz como Ana nas súas clases, é a necesidade de enfocar unha actividade a un obxectivo ou obxectivos concretos. Así, cando falamos da expresión escrita, Luz comentábanos a posibilidade de aproveitar esa produción cara un propósito concreto, como pode ser recomendar unha película ou un libro no blog da biblio, na clase, etc. Pola súa banda, Ana falábanos da posibilidade de traballar cunha receita para que finalmente a fagan, por exemplo. Penso que deste xeito se crea un information gap real que engadirá valor ás nosas actividades e fomentará, ao mesmo tempo, o interese dos estudantes.


Moi relacionado con isto se atopa a necesidade de ensinar aos nosos alumnos de ser capaces de recoñecer as ideas principais dun texto e de facer resumos. É fundamental que saiban como resumir porque, ademais, de tratarse dun exercicio propio da selectividade, é necesario para mellorar a súa comprensión lectora. Os exercicios que fagamos na aula relacionados coa produción e comprensión escrita deberían estar destinados tamén a traballar estes aspectos para que os nosos alumnos vaian desenvolvendo as estratexias que necesitan para realizar estes exercicios adecuadamente.

O segundo aspecto que me gustaría destacar é tan só un par de ideas que propuxo Luz para a corrección dos traballos escritos, que consisten en facerlles empregar procesadores de textos para realizar a redacción ou mesmo realizar a corrección de xeito grupal.

Xa por último, sobre a avaliación do traballo escrito, gustaríame facer fincapé na importancia de empregar rúbricas de avaliación para orientar as nosas correccións e non limitarnos a sinalar os erros gramaticais. Penso que tamén se deben ter en conta outros aspectos, como o uso de mecanismos de cohesión ou a coherencia dentro do texto. Lémbrome que nalgunha ocasión, tamén se nos comentara a posibilidade de corrixir empregando cores, para que foran os propios alumnos os que detectaran os erros e tiveran a oportunidade de modificalo para mellorar así a súa puntuación. Que perdan o medo aos erros é crucial na clase de linguas e fomenta que, por exemplo, se atrevan a empregar estruturas gramaticais e vocabulario máis complexo.


Ata aquí a miña reflexión sobre estas dúas sesións, espero que vos gustara! Ata a próxima!

xoves, 25 de febreiro de 2016

Sesión do 18 de febreiro

Ola a todos!
Desta vez vouvos presentar a miña reflexión sobre a primeira sesión con Ana Fontenla o pasado día 18 de febreiro. Ao longo da clase, Ana presentounos distintas actividades destinadas a traballar a comprensión oral. Algunhas delas mesmo as fomos realizando entre nós, o cal me parece un xeito moi divertido de ver a utilidade da cada unha.

Non obstante, penso que algunhas das cuestións máis interesantes da sesión xurdiron a partir de moitas das preguntas que facían os compañeiros. O certo é que non son poucas as dúbidas que tiñamos, mais a profesora foi respondendo a todas aportando o seu punto de vista dende a experiencia, algo que resulta moi valioso!

Precisamente, unha desas cuestións que xurdiron foron os criterios de avaliación. A nosa experiencia como estudantes de secundaria non foi moi positiva a este respecto, xa que polo xeral se ten en conta un único exame ao final do trimestre. Nese exame, mídese (na meirande parte dos casos) unicamente a capacidade do estudante para realizar correctamente exercicios gramaticais. Este xeito de avaliación resulta moi pouco adecuado para unha materia como a lingua estranxeira, que require dun estudo continuado ao longo de todo o curso para poder ir avanzando e mellorando as distintas competencias. Ademais, non se pode pretender realizar un exame que avalíe tan só os coñecementos gramaticais sobre a lingua, é necesario ter en conta tamén a capacidade de comprensión e produción oral e escrita.

A este respecto, penso que resulta moi adecuado e moito máis útil para o alumno realizar un seguimento continuo do seu progreso. Así podemos saber de que nivel parte e en que medida foi progresando para telo en conta á hora de avaliar. Existen moitos factores externos que poden influír no seu grao de dominio da lingua estranxeira (que vaian a clases particulares, que estiveran de intercambio no país estranxeiro, etc.) e non podemos perder de vista. Ademais de premiar o feito de facelo ben, tamén deberíamos ter en conta o empeño que puxeron. Pode que un alumno, polos motivos que sexa, tivera moi pouco nivel de inglés cando comezou o curso, pero imos apreciando un esforzo diario e continuo. Penso que iso tamén o deberíamos recompensar.

A este respecto, pareceume moi interesante o método que emprega Ana nas súas aulas, facendo un seguimento diario da produción oral e atendendo á diversidade nas actividades de comprensión oral, sempre coa intención de manter motivado ao estudante. Penso que é un xeito moi útil de atender á diversidade de niveis da aula!


Ata aquí a miña reflexión sobre a última sesión. Ata pronto!