Ola a todos!
Desta vez vouvos presentar a miña reflexión sobre a primeira sesión con Ana
Fontenla o pasado día 18 de febreiro. Ao longo da clase, Ana presentounos
distintas actividades destinadas a traballar a comprensión oral. Algunhas delas
mesmo as fomos realizando entre nós, o cal me parece un xeito moi divertido de
ver a utilidade da cada unha.
Non obstante, penso que algunhas das cuestións máis interesantes da sesión
xurdiron a partir de moitas das preguntas que facían os compañeiros. O certo é
que non son poucas as dúbidas que tiñamos, mais a profesora foi respondendo a
todas aportando o seu punto de vista dende a experiencia, algo que resulta moi
valioso!
Precisamente, unha desas cuestións que xurdiron foron os criterios de
avaliación. A nosa experiencia como estudantes de secundaria non foi moi
positiva a este respecto, xa que polo xeral se ten en conta un único exame ao
final do trimestre. Nese exame, mídese (na meirande parte dos casos) unicamente
a capacidade do estudante para realizar correctamente exercicios gramaticais.
Este xeito de avaliación resulta moi pouco adecuado para unha materia como a
lingua estranxeira, que require dun estudo continuado ao longo de todo o curso
para poder ir avanzando e mellorando as distintas competencias. Ademais, non se
pode pretender realizar un exame que avalíe tan só os coñecementos gramaticais
sobre a lingua, é necesario ter en conta tamén a capacidade de comprensión e
produción oral e escrita.
A este respecto, penso que resulta moi adecuado e moito máis útil para o
alumno realizar un seguimento continuo do seu progreso. Así podemos saber de
que nivel parte e en que medida foi progresando para telo en conta á hora de
avaliar. Existen moitos factores externos que poden influír no seu grao de
dominio da lingua estranxeira (que vaian a clases particulares, que estiveran
de intercambio no país estranxeiro, etc.) e non podemos perder de vista.
Ademais de premiar o feito de facelo ben, tamén deberíamos ter en conta o
empeño que puxeron. Pode que un alumno, polos motivos que sexa, tivera moi pouco
nivel de inglés cando comezou o curso, pero imos apreciando un esforzo diario e
continuo. Penso que iso tamén o deberíamos recompensar.
A este respecto, pareceume moi interesante o método que emprega Ana nas
súas aulas, facendo un seguimento diario da produción oral e atendendo á
diversidade nas actividades de comprensión oral, sempre coa intención de manter
motivado ao estudante. Penso que é un xeito moi útil de atender á diversidade
de niveis da aula!
Ata aquí a miña reflexión sobre a última sesión. Ata pronto!
Ningún comentario:
Publicar un comentario