martes, 1 de marzo de 2016

Actividade sobre comprensión e produción escrita

Nesta nova entrada de blog vouvos presentar a actividade de que seleccionei para practicar a produción escrita e que podedes atopar neste enlace da páxina de Lessonstream.

A actividade coñécese polo nome de The English tenses e vai destinada a traballar os tempos verbais en inglés a través da expresión escrita. Na proposta orixinal, vai destinada a alumnos de nivel básico a intermedio (no meu caso empregaríaa en 2º da ESO) e para a súa realización establécense uns 25 minutos.


A idea principal é solicitar un voluntario entre os estudantes, que se encargará de debuxar unha persoa no encerado cunha expresión triste na cara. A continuación, pídese aos estudantes que vaian construíndo a identidade desa persoa e mais razóns polas cales pode estar triste. A continuación, imos a viaxar no tempo cara ao futuro. Mudamos entón a expresión de tristeza do debuxo por un sorriso e pedímoslle aos estudantes que nos digan de memoria cales son eran os motivos polos cales esa persoa estaba triste un ano antes. Xa por último, pedímoslles que escriban unha redacción cunha historia sobre o que eles pensan que aconteceu nese ano para que agora a persoa se sinta feliz.

A selección desta actividade ven determinada por unha banda pola súa flexibilidade. A personaxe que debuxan no encerado é totalmente aberta e vaise creando de xeito colaborativo, coas aportacións de todos os compañeiros. Isto resulta ideal para traballar a imaxinación dos estudantes e facer que se sintan moito máis implicados na súa aprendizaxe. Ademais, o feito te ter que ir recordando as ideas que van saíndo para logo facer unha redacción fai que, ao mesmo tempo, esteamos traballando a memoria dos nosos alumnos, un elemento crucial no ensino de linguas estranxeiras.

Por outra banda, esta actividade resulta tremendamente sinxela e esixe moi pouco input por parte do profesor. Céntrase ante todo en conseguir o maior output posible por parte dos estudantes. Mesmo para traballar unha cuestión como os tempos verbais, búscase implicar ao alumno e facerlle a aprendizaxe amena e divertida, aplicando unha metodoloxía fundamentalmente comunicativa.

Por último, con respecto a outras posibles suxerencias de aplicación, penso que esta actividade podería dar pé a traballar tamén a comprensión escrita, se lles pedimos que se intercambien a redacción cun compañeiro e, despois de lela, vexan se coinciden nalgún dos motivos ou que cal consideran que é máis crible. Se se quere ampliar a actividade, mesmo se podería facer un debate grupal para ir vendo os motivos principais de cada unha das propostas que leron (deste xeito imos traballando a capacidade de resumo e de localizar as ideas principais dun texto) para preguntar, finalmente, cal é o que lles parece que pode ser o mais real.


Espero que vos gustara! Ata a próxima!

1 comentario:

  1. Como xa lle comentei a outra compañeira que escolleu a mesma actividade, eu fñagoa e SEMPRE funciona estupendamente. Ela suxire utilizar dúas fotos persoais, unha con expresión alegre e outra triste, en lugar de debuxos. Tamén me gusta a idea de pasar a unha actividade de expresión escrita como ti propós.

    ResponderEliminar