luns, 8 de febreiro de 2016

Dúas novas actividades

Nesta nova entrada vou falar sobre as actividades que realizamos na aula o pasado día 2 de febreiro. Trátase de dúas actividades que tiñan como finalidade traballar contidos diferentes, mais, como veremos, dun xeito moi semellante.

Primeira actividade

A primeira actividade que realizamos na aula consistía nunha actividade que poderíamos considerar de introdución, na que debíamos crear un cadro para relacionar as distintas didácticas de ensino que víramos na sesión anterior, cuns determinados lugares de ensino (infantil-primaria, instituto secundaria, FP, EOI, ciclo de maiores e castelán como LE), establecendo así que didáctica debíamos aplicar, cal ou cales podíamos aplicar e que factores determinaban esta situación.

Despois dun debate en grupos de tres/catro persoas, fomos compartindo as conclusións dos distintos grupos co resto da clase. Deste xeito, íamos relacionado os contidos previos (as distintas didácticas de ensino) coas que íamos ver nesa sesión, as variables que afectan ao ensino das linguas.

Que conclusións acadamos?

Velaquí a táboa que elaboramos para a actividade:








Segunda actividade

Desta vez o obxectivo consistía en elaborar un cadro coas diferenzas entre a ensinanza destinada a Young learners e Adult learners. A actividade realizámola en grupos de tres a catro persoas e despois dun debate duns cinco minutos, fomos expoñendo as nosas conclusións ata conformar unha lista bastante longa de diferenzas.

Que conclusións acadamos?

As conclusións que expuxemos no noso grupo foron as seguintes:



Cal é a miña valoración persoal sobre as actividades?

Como comentei ao comezo da entrada, penso que as dúas actividades son moi semellantes. Non só porque ambas consisten na elaboración de cadros por grupos para levar a cabo un posterior debate grupal, senón porque nos permiten conectar conceptos previos coa nova información. Deste xeito, conséguese que o estudante razoe sobre o aprendido, algo que, dende o meu punto de vista, favorece moito o asentamento dos contidos.

Ao mesmo tempo, valoro moi positivamente a fase final de debate que inclúen estas actividades, pois favorece a implicación do alumnado, facéndolle partícipe da súa aprendizaxe.

Por último, sobre o compoñente social das mesmas, cómpre salientar que coas dúas actividades ponse en práctica e foméntase a capacidade de traballo en grupo dos estudantes. Unha actitude fundamental xa non só dentro da aula, senón tamén no mundo laboral. 

A idade no ensino das linguas

Na sesión do día 2 de febreiro vimos as variables que afectan ao ensino dunha lingua, constituídas polas características dos alumnos, as características do centro e as necesidades e obxectivos. Para esta entrada, voume centrar nunha das cuestións relacionadas coas características dos alumnos que resulta fundamental ter en conta á hora de seleccionar a metodoloxía de ensino que imos aplicar: a idade.

A idade dos nosos alumnos vai determinar non só a didáctica de ensino que imos a empregar (EYL, EOL,...), senón tamén os métodos e actividades que realizamos na clase, xa que non é o mesmo dar clase de linguas a nenos que a mozos ou adultos.




Para comezar, a motivación cara ao estudo no caso dos nenos e dos adultos é totalmente diferente. No caso dos adultos, a motivación para aprendizaxe da lingua é previa e consciente. Queren aprender inglés, francés ou calquera outra lingua porque o necesitan para o seu traballo, porque o consideran importante para o seu desempeño laboral, porque queren viaxar a ese país, etc. Existe un motivo determinado polo cal consideran que deben aprender esa lingua.

Nos nenos a situación é completamente diferente. Non existe unha motivación previa nin consciente, senón que necesitan crear un contexto para a aprendizaxe. É o docente, a través das actividades que se realizan na aula, o que debe conseguir motivar aos pequenos. Isto determina o tipo de tarefas que se realizan nas aulas, que tenden a ser actividades moi dinámicas (cancións, xogos...) coas que se pretende gañar o interese dos nenos.

O grao de desenvolvemento cognitivo tampouco é o mesmo nos dous grupos de idades. A capacidade de análise e reflexión é diferente. Os nenos aínda non son capaces de comprender o significado de termos abstractos como, por exemplo, a amizade. Pola contra, isto non supón grandes dificultades para un adulto.



Ademais, aprenden en contexto, buscan os significados globais para chegar ata a unidade, mentres que os adultos se centran nos significados concretos. Isto determina o xeito no que nós como docentes presentamos os contidos. Nunha clase con nenos centrarémonos máis no vocabulario e evitaremos as explicacións gramaticais explícitas. Pola súa banda, nas clases con adultos podemos xa introducir as explicacións de conceptos gramaticais.

Ao mesmo tempo, a capacidade de atención e memorización é diferente. Os adultos teñen unha maior capacidade para reter a información a longo prazo. Non obstante, os nenos necesitan doutros procesos para poder asimilar os conceptos. Este é o caso da repetición, presente en moitas das actividades que se realizan na aula.



Por último, a participación. No caso dos nenos non teremos problemas para  conseguir que participen nas actividades unha vez que teñamos gañado o seu interese, pois polo xeral teñen menos vergoña e medo a equivocarse. Mais o medo ao erro aumenta coa idade e é especialmente grande durante a adolescencia. Unha situación que debemos saber tratar nas clases.


Ata aquí as diferenzas en canto á idade que temos que ter en conta como docentes de linguas estranxeiras. E vós, que pensades? Ocórresevos algunha actividade que poidamos realizar con nenos pero non con adultos?

luns, 1 de febreiro de 2016

Lingua inicial, lingua segunda e lingua estranxeira. Onde queda o bilingüismo?

Nesta entrada vou aproveitar os contidos que vimos na clase para tratar un dos temas do que tanto se fala ultimamente: o bilingüismo.

Antes de comezar, penso que convén botar unha ollada aos conceptos de lingua inicial, lingua segunda (ou L2 ambiental) e lingua estranxeira. Para recordar un pouco en que consistía cada un, déixovos un vídeo que elaborei sobre o tema:
Agora que xa recuperamos os conceptos que aprendemos na clase sobre o que se considera lingua inicial, lingua segunda e lingua estranxeira, chega a pregunta que da nome a esta entrada, onde queda o bilingüismo? 

Nas redes, en moitas ofertas de traballo (como esta) e campañas publicitarias vemos que a miúdo se fala de bilingüismo demasiado á lixeira. Velaquí algúns exemplos:








Imaxes extraídas de EF Education First

O certo é que estas campañas publicitarias poden resultar moi prometedoras, pero é sempre bilingüe unha persoa que fala dúas linguas?

Existen moitos matices que temos que ter en conta para determinar se unha persoa é bilingüe, comezando polo proceso polo cal se produciu a adquisición dos dous idiomas. Penso que si poderíamos falar de bilingüismo se un neno conta con dúas linguas iniciais, que adquiriu mentres era pequeno no seo da súa familia.

Non será bilingüe, pero poderá chegar a acadar un coñecemento moi amplo dunha lingua aquel neno que conta cunha lingua inicial que aprendeu dende pequeno na casa e que cando comeza a escola vese exposto a outra lingua distinta (lingua segunda ou ambiental). A este respecto, penso que tamén sería necesario valorar outros aspectos, como o tempo de exposición, as competencias que se desenvolveron nese período, o nivel do MCERL que se acadou, etc.

Así, se chega a acadar un nivel C2 si se podería dicir que conta cun nivel moi semellante ao dun falante con esa lingua como inicial, aínda que mesmo nese caso penso que dicir que é bilingüe pode ser bastante precipitado. Todo depende da situación particular de cada persoa.

O que si queda claro é que falar de que unha persoa vai volver bilingüe despois de estudar un ano ou uns meses noutro país non é coherente. Estou de acordo en que a vida nun contexto no que se fala o idioma permite mellorar as competencias no mesmo, xa que por fin se emprega a lingua máis alá das aulas. Deixa por tanto de ser unha lingua estranxeira e convértese nunha lingua ambiental (ou lingua segunda), que empregamos como lingua vehicular ou mesmo como lingua de traballo. Mais se se parte dun nivel básico, un ano no estranxeiro pode non ser tempo suficiente como para dominar ese idioma.

En conclusión, penso que a miúdo se empregan demasiado á lixeira termos como bilingüismo ou bilingüe sen pensar ao que se refiren realmente. 


sábado, 30 de xaneiro de 2016

Actividade sobre diferenzas e similitudes

Hoxe vouvos falar doutra das actividades que realizamos en clase esta semana: as diferenzas e similitudes. A partir do nome, xa podemos facernos unha idea de en que vai consistir xa que, efectivamente, trátase de buscar as diferenzas e as similitudes que atopamos entre dous conceptos.

A actividade está enfocada para realizala en grupos, no noso caso, empregamos grupos de catro persoas para debater as diferenzas e as similitudes que atopábamos entre dous dos conceptos que íamos a tratar nesa sesión: a lingua materna e a lingua estranxeira.

Despois dun debate duns 5 minutos, o profesor vai preguntando a cada grupo sobre algunha das súas conclusións, ata ir conformando en conxunto unha idea xeral sobre os novos contidos.



Que conclusións acadamos?

Tras un debate duns cinco minutos dentro do grupo, atopamos varias diferenzas:
-A lingua materna adquírese, mentres que a lingua estranxeira apréndese. Así, entendemos que a aprendizaxe da lingua estranxeira é un proceso máis consciente que no caso da lingua materna.
-A lingua materna emprégase no contexto no que vivimos, mentres que a estranxeira úsase noutra comunidade.
- A motivación para a aprendizaxe é diferente. No caso da lingua materna, o proceso da aprendizaxe é involuntario, mentres que nunha lingua estranxeira sempre van influír outros axentes, como a usa utilidade para a os gustos particulares de cada persoa, etc.

Se ben atopamos varias diferenzas entre elas, no meu grupo tivemos bastantes dificultades para chegar a un acordo sobre as similitudes. Ao final, concluímos que, atendendo a súa función, as dúas linguas teñen a mesma, pois ámbalas dúas serven para comunicarse.

Cal é a miña valoración persoal sobre a actividade?

Penso que esta actividade resulta moi útil para “quentar motores”, pois permite que os estudantes vaian agrupando os coñecementos previos que tiñan sobre o tema, para logo enlazalos cos novos contidos. Esta foi a utilidade que lle demos nós na aula, e considero que funcionou bastante ben. Ao mesmo tempo, tamén abriu o debate sobre outros aspectos interesantes relacionados coa aprendizaxe de linguas.

Ademais, valoro tamén moi positivamente o feito de que fomente a participación de todos os alumnos dentro da aula e o traballo en grupos, pois este é un bo xeito de conseguir que os estudantes se involucren máis na aprendizaxe e se sintan máis motivados de cara ao estudo.



Por último, tan só dicir que me parece unha actividade moi útil para empregar nas aulas de ensino dunha lingua estranxeira, pois ademais de traballar os aspectos que comentei anteriormente e servir como introdución para novos contidos, permite traballar a produción oral nese idioma. Así, ao tempo que xorden preguntas sobre cuestións de novo vocabulario e gramática, os estudantes van mellorando tamén as súas competencias orais no idioma estranxeiro.

venres, 29 de xaneiro de 2016

Primeiras actividades

Para esta nova entrada do blog voume centrar nas dúas actividades que realizamos durante a primeira sesión de introdución á materia: á da pirámide e a de wh-questions.


A Pirámide

En que consiste?
A actividade da pirámide consiste en crear un debate entre os estudantes sobre algún dos novos contidos que expuxo o profesor. Comézase a actividade en parellas, logo fanse grupos de catro e despois os estudantes continúan agrupándose ata que queden só dous grandes bandos cos que poder levar a cabo o debate.


As realización da actividade...

No noso caso debíamos debater sobre os contidos que iamos a estudar no materia e indicar cales nos parecían os máis importantes e os menos relevantes. O certo é que pronto nos puxemos de acordo sobre a importancia de saber como programar e planificar. Todas consideramos que unha boa programación didáctica é o elemento fundamental para unha boa práctica docente, pois nela se recollen outros aspectos, como a planificación das sesións ou mesmo o sistema de avaliación, que contribúen a unha boa organización das aulas.
Tampouco nos resultou moi complicado chegar a un acordo sobre cal era o aspecto menos relevante. Todas coincidimos en que se trataba do ensino AICLE, pois un profesor de lingua estranxeira nunca vai exercer como docente de AICLE, tan só servirá como apoio nesta metodoloxía.

Valoración persoal

Penso que esta actividade pode resultar moi útil unha aula de aprendizaxe de linguas estranxeiras, pois pódese orientar de xeitos moi diferentes. Ben para practicar a produción oral a través do debate sobre un aspecto determinado no idioma estranxeiro, ben para repasar contidos gramaticais e de vocabulario. Mesmo se podería empregar para facer reflexionar aos alumnos sobre aspectos relacionados coa cultura do país estranxeiro. Ademais da súa utilidade como instrumento para asentar contidos, considero que esta actividade ten outras vantaxes:

-Permite lograr a participación de todo o alumnado, xa que a agrupación comeza en parellas e vai medrando ata formar dous grandes bandos.
-Fomenta o traballo en equipo e a cohesión do grupo polo seu carácter social.
-Fomenta a capacidade de organización dos estudantes, que deben, ademais, nomear un portavoz.
-Fomenta o pensamento crítico e a reflexión dos alumnos, pois vense obrigados a aportar opinións con fundamento para defender a súa postura.


WH-Questions
En que consiste?
A segunda actividade, a de wh-questions, consiste que os estudantes elaboren en grupos cinco preguntas sobre os contidos aprendidos comezando por Who, What, When, Where, How ...  para logo levar a cabo un concurso dentro da clase facendo as preguntas entre os distintos grupos.



As realización da actividade...
Redactamos cinco preguntas en galego empregando que, como, onde, quen e por que, sobre os contidos que nos presentou o profesor nesa sesión. Este foi o resultado:

- Onde temos que etiquetar as actividades colaborativas?
- Que significa LMS?
- Por que non hai unha extensión mínima para as entradas do blog?
- Quen van ser os catro docentes da materia?
- Como se calcula a nota final?

Valoración persoal

Considero que esta actividade pode ter unha aplicación máis útil para o ensino de linguas estranxeiras, xa que permite traballar a estrutura das oracións interrogativas, ao tempo que se repasan os contidos aprendidos durante a sesión.

Ademais da posibilidade de traballar dous aspectos diferentes, penso que con esta actividade, tamén se pode aumentar a motivación dos estudantes, pois preséntanse os contidos en forma de xogo, un concurso, co que se pretende que se involucren e se sintan máis interesados sobre o que van aprendendo. Ademais, considero que a súa aplicación é realmente útil en aulas con nenos pequenos, aos que se pode animar simplemente eloxiando a súa participación, para evitar rivalidades.

Ata aquí as dúas primeiras actividades, que xa quedan anotadas para poñelas en práctica. Nas próximas entradas do apartado de Dossier continuarei explicando as actividades que imos aprendendo na clase e reflexionando sobre as súas aplicacións nas aulas.

Comezamos nova materia!

Neste novo cuadrimestre vou comezar cunha entrada de blog para unha das materias que xa tiña bastantes ganas de cursar, Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras, pois penso que pode resultar tremendamente útil na miña formación como futura docente. Durante a primeira sesión, o profesor presentounos o programa e os contidos polo miúdo e falounos, como non, do sistema de avaliación. Deste xeito, soubemos que de novo imos ser avaliados a partir das nosas entradas de blog.
Para esta entrada, vou aportar a miña opinión sobre este sistema de avaliación, que resulta tan controvertido, analizando os aspectos positivos e negativos.



Dende a miña perspectiva, e despois da experiencia con outras materia, considero que o principal aspecto positivo é que o uso do blog permite que o alumno vaia asentando os contidos aprendidos a través da reflexión sobre os mesmos. Unha reflexión coa que, considero que a interiorización é moito máis eficaz que se nos tivésemos que enfrontar, por exemplo, a un exame.

Outro aspecto positivo é a posibilidade para escribir cando un se sinte máis inspirado, co engadido de que para esta materia non se esixe a redacción duns contidos determinados, senón que podemos escoller libremente en que aspectos queremos centrarnos. En resumidas contas: máis liberdade.
Ademais, con esta liberdade foméntase tamén a creatividade dos alumnos, polo que este sistema de avaliación mesmo pode chegar a resultar moito máis motivador e dar lugar a que se involucren máis na materia.




Non obstante, non todo son aspectos positivos. Tamén atopo certas debilidades neste sistema de avaliación. Por un lado, pódese considerar que a nota final é un tanto subxectiva, xa que depende da valoración que faga o profesor sobre a entrada e na que poden influír gustos e opinións persoais. A este respecto, considero que é esencial que, como é o noso caso, dende o primeiro momento os estudantes saiban a que baremo van estar sometidos. Así, pódese empregar, por exemplo, unha rúbrica de avaliación na que se concreten todos os elementos que se van a valorar. Deste xeito, empréganse uns criterios preestablecidos máis obxectivos.

Por outro lado, a actualización constante do blog pode resultar complicada para aqueles compañeiros e compañeiras que, polas súas circunstancias persoais, non dispoñen do tempo suficiente. Esta situación tamén cómpre tela en conta no sistema de avaliación, de xeito que, como é o caso para esta materia, se premie a actualización habitual dos contidos, pero se considere tamén a posibilidade de crear as entradas ata unha data razoable.

Con todo, a miña experiencia do uso do blog como método de avaliación é bastante positiva. Mesmo podería chegar a considerar empregalo algún día cos meus alumnos, pois véxolle moitas vantaxes no ensino dunha lingua estranxeira. Penso que pode axudar a mellorar a capacidade de redacción dos estudantes, de fomentar a súa creatividade e mesmo chegar a aumentar o seu interese pola materia. Non obstante, como profesores deberemos encargarnos de establecer unha serie de criterios de antemán sobre o seu uso para asegurarnos de que o sistema que empregamos é organizado e cuns obxectivos concretos.

domingo, 17 de xaneiro de 2016

Comentario da unidade 8

Nesta entrada voume centrar na unidade 8, na que tratamos os métodos de ensinanza de linguas. Así, levarei a cabo unha revisión dos métodos que vimos na clase, xunto cunha clasificación dos mesmos en función do seu país de orixe e aportando, ademais, unha breve descrición de cada un, para a cal farei uso do dicionario en liña do Centro Virtual Cervantes.

Comezamos no século XIX, co método da gramática e tradución, que xurdiu en Alemaña e buscaba a ensinanza da segunda lingua a partir da “análise detallada das regras gramaticais e as súas excepcións” (Centro Virtual Cervantes, 2016) que logo permitían aplicar os coñecemos adquiridos á tradución directa e inversa de textos e oracións. Trátase dun método centrado esencialmente na lectura e a escrita, que se consideraban a base para aprender unha lingua, que hoxe en día continúa a empregarse no ensino das linguas clásicas.

A finais do século XIX en Boston, nos EE. UU. aparece un novo método: o método natural, co cal que pretendía que a aprendizaxe da segunda lingua fose semellante ao da primeira, evitando as comparacións e traducións. Así, comezábase coa aprendizaxe da pronunciación, para a cal se empregaba a música e a mímica.

 O método natural senta as bases para o desenvolvemento do método directo, que se deu en Francia e Alemaña a comezos do século XX. Este método emprega nas clases unicamente a lingua meta, centrándose no ensino do vocabulario e da gramática de uso cotiá a través da oralidade e de xeito indutivo, é dicir, permitindo que o alumno descubra as regras por si mesmo.

Como resultado da evolución deste enfoque oral grazas aos estudos de lingüistas como Palmer ou Hornby, nos anos 50 xorde en Gran Bretaña o método oral e situacional, que consiste na introdución dos contidos de xeito situacional, é dicir, imaxinando unha situación para facer uso da lingua meta. Así, con este método preténdese comezar co ensino da lingua oral, para a que se emprega só a lingua meta, e a lectura e a escrita introdúcense unha vez que o estudante conta con certa base léxica e gramatical.

Xa cara finais dos anos 50, aparece nos EE.UU. o método audiolingüe, tamén coñecido como método Fries, que toma como base a psicoloxía conductista. Neste método preséntase ao profesor como o modelo a imitar e preténdese ensinar ao estudante un determinado comportamento mediante a reprodución de conductas repetitivas, baseándose nun modelo de estímulo-respota, formulado a partir dunha serie de drills, cos que se pretende a simulación dos novos contidos.

Nos anos 60 xorde o método do silencio, en Exipto e Europa, que consiste en fomentar que os estudantes empreguen a lingua meta, limitando as intervencións do profesor, que só pode facer xestos ou empregar a mímica. A lingua preséntase neste método a través dunha serie de cores, cos que se pretende representar distintos elementos, obxectos ou sons.


Nos anos 70 orixínase no Reino Unido un novo método máis centrado nas destrezas comunicativas dos alumnos: o método comunicativo. Con el, preténdese que os alumnos sexan quen de levar a cabo unha “comunicación real, tanto oral como escrita, con outros falantes da lingua estranxeira”(Centro Virtual Cervantes, 2016).  Así, na aprendizaxe tense en conta o contexto no que se vai empregar a lingua e empréganse gravacións e materiais que permitan simular situacións reais.

Ao mesmo tempo, nos EE. UU. xorde o método da resposta física total, que “combina a fala coa acción e pretende ensinar a lingua a través da actividade física” (Centro Virtual Cervantes, 2016), pois parte da idea de que a memoria se activa a través da resposta física do alumno. Os profesores que empregan este método non fan uso de libros de texto, e a súa función é semellante á dun director de teatro que intenta que os estudantes aprendan a lingua estranxeira como a súa primeira lingua.

Xa nos anos 80 prodúcese o auxe en Bulgaria do método da suxestopedia, que pretende a aprendizaxe do estudante a través da suxestión, cando se atopa relaxado e sen ansiedade. Con este obxectivo, empréganse técnicas de relaxación e suxestión para mellorar os resultados da aprendizaxe e na aula búscase un ambiente relaxado a través da música, a iluminación e a decoración.

 Por último, xa a finais do século XX no mundo anglosaxón e na India xorde o enfoque por tarefas, que pretende desenvolver a competencia comunicativa do estudante a través da realización dunha tarefa. Deste xeito, a lingua convértese no instrumento que permite realizar estas tarefas e preténdese para o estudante un papel activo e protagonista da súa aprendizaxe.

En conclusión, tras esta revisión pódese apreciar que a meirande parte dos métodos de ensinanza de idiomas desenvolvéronse ao longo do século XIX e, sobre todo, do XX, e proceden, polo xeral, de países do mundo anglosaxón, principalmente de EE.UU. Tan só existen algunhas excepcións a esta regra, en países como Alemaña, Francia ou Bulgaria, mais e ningún caso se observan métodos que unicamente procedan de países de fóra da Unión Europea ou Estados Unidos.

REFERENCIAS:

Centro Virtual Cervantes. 2016. Diccionario de términos clave de ELE. [Documento dispoñible en liña en: http://cvc.cervantes.es/Ensenanza/
biblioteca_ele/diccio_ele/indice.htm]