Neste novo cuadrimestre vou comezar cunha entrada de blog para unha das
materias que xa tiña bastantes ganas de cursar, Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras, pois penso que
pode resultar tremendamente útil na miña formación como futura docente. Durante
a primeira sesión, o profesor presentounos o programa e os contidos polo miúdo
e falounos, como non, do sistema de avaliación. Deste xeito, soubemos que de
novo imos ser avaliados a partir das nosas entradas de blog.
Para esta entrada, vou aportar a miña opinión sobre este sistema de
avaliación, que resulta tan controvertido, analizando os aspectos positivos e
negativos.
Dende a miña perspectiva, e despois da experiencia con outras materia,
considero que o principal aspecto positivo é que o uso do blog permite que o
alumno vaia asentando os contidos aprendidos a través da reflexión sobre os
mesmos. Unha reflexión coa que, considero que a interiorización é moito máis
eficaz que se nos tivésemos que enfrontar, por exemplo, a un exame.
Outro aspecto positivo é a posibilidade para escribir cando un se sinte
máis inspirado, co engadido de que para esta materia non se esixe a redacción
duns contidos determinados, senón que podemos escoller libremente en que
aspectos queremos centrarnos. En resumidas contas: máis liberdade.
Ademais, con esta liberdade foméntase tamén a creatividade dos alumnos,
polo que este sistema de avaliación mesmo pode chegar a resultar moito máis
motivador e dar lugar a que se involucren máis na materia.
Non obstante, non todo son aspectos positivos. Tamén atopo certas
debilidades neste sistema de avaliación. Por un lado, pódese considerar que a
nota final é un tanto subxectiva, xa que depende da valoración que faga o
profesor sobre a entrada e na que poden influír gustos e opinións persoais. A
este respecto, considero que é esencial que, como é o noso caso, dende o
primeiro momento os estudantes saiban a que baremo van estar sometidos. Así,
pódese empregar, por exemplo, unha rúbrica de avaliación na que se concreten
todos os elementos que se van a valorar. Deste xeito, empréganse uns criterios preestablecidos
máis obxectivos.
Por outro lado, a actualización constante do blog pode resultar complicada para
aqueles compañeiros e compañeiras que, polas súas circunstancias persoais, non
dispoñen do tempo suficiente. Esta situación tamén cómpre tela en conta no
sistema de avaliación, de xeito que, como é o caso para esta materia, se premie
a actualización habitual dos contidos, pero se considere tamén a posibilidade
de crear as entradas ata unha data razoable.
Con todo, a miña experiencia do uso do blog como método de avaliación é
bastante positiva. Mesmo podería chegar a considerar empregalo algún día cos
meus alumnos, pois véxolle moitas vantaxes no ensino dunha lingua estranxeira. Penso
que pode axudar a mellorar a capacidade de redacción dos estudantes, de fomentar
a súa creatividade e mesmo chegar a aumentar o seu interese pola materia. Non
obstante, como profesores deberemos encargarnos de establecer unha serie de
criterios de antemán sobre o seu uso para asegurarnos de que o sistema que
empregamos é organizado e cuns obxectivos concretos.


Ningún comentario:
Publicar un comentario