luns, 8 de febreiro de 2016

A idade no ensino das linguas

Na sesión do día 2 de febreiro vimos as variables que afectan ao ensino dunha lingua, constituídas polas características dos alumnos, as características do centro e as necesidades e obxectivos. Para esta entrada, voume centrar nunha das cuestións relacionadas coas características dos alumnos que resulta fundamental ter en conta á hora de seleccionar a metodoloxía de ensino que imos aplicar: a idade.

A idade dos nosos alumnos vai determinar non só a didáctica de ensino que imos a empregar (EYL, EOL,...), senón tamén os métodos e actividades que realizamos na clase, xa que non é o mesmo dar clase de linguas a nenos que a mozos ou adultos.




Para comezar, a motivación cara ao estudo no caso dos nenos e dos adultos é totalmente diferente. No caso dos adultos, a motivación para aprendizaxe da lingua é previa e consciente. Queren aprender inglés, francés ou calquera outra lingua porque o necesitan para o seu traballo, porque o consideran importante para o seu desempeño laboral, porque queren viaxar a ese país, etc. Existe un motivo determinado polo cal consideran que deben aprender esa lingua.

Nos nenos a situación é completamente diferente. Non existe unha motivación previa nin consciente, senón que necesitan crear un contexto para a aprendizaxe. É o docente, a través das actividades que se realizan na aula, o que debe conseguir motivar aos pequenos. Isto determina o tipo de tarefas que se realizan nas aulas, que tenden a ser actividades moi dinámicas (cancións, xogos...) coas que se pretende gañar o interese dos nenos.

O grao de desenvolvemento cognitivo tampouco é o mesmo nos dous grupos de idades. A capacidade de análise e reflexión é diferente. Os nenos aínda non son capaces de comprender o significado de termos abstractos como, por exemplo, a amizade. Pola contra, isto non supón grandes dificultades para un adulto.



Ademais, aprenden en contexto, buscan os significados globais para chegar ata a unidade, mentres que os adultos se centran nos significados concretos. Isto determina o xeito no que nós como docentes presentamos os contidos. Nunha clase con nenos centrarémonos máis no vocabulario e evitaremos as explicacións gramaticais explícitas. Pola súa banda, nas clases con adultos podemos xa introducir as explicacións de conceptos gramaticais.

Ao mesmo tempo, a capacidade de atención e memorización é diferente. Os adultos teñen unha maior capacidade para reter a información a longo prazo. Non obstante, os nenos necesitan doutros procesos para poder asimilar os conceptos. Este é o caso da repetición, presente en moitas das actividades que se realizan na aula.



Por último, a participación. No caso dos nenos non teremos problemas para  conseguir que participen nas actividades unha vez que teñamos gañado o seu interese, pois polo xeral teñen menos vergoña e medo a equivocarse. Mais o medo ao erro aumenta coa idade e é especialmente grande durante a adolescencia. Unha situación que debemos saber tratar nas clases.


Ata aquí as diferenzas en canto á idade que temos que ter en conta como docentes de linguas estranxeiras. E vós, que pensades? Ocórresevos algunha actividade que poidamos realizar con nenos pero non con adultos?

Ningún comentario:

Publicar un comentario