sábado, 30 de xaneiro de 2016

Actividade sobre diferenzas e similitudes

Hoxe vouvos falar doutra das actividades que realizamos en clase esta semana: as diferenzas e similitudes. A partir do nome, xa podemos facernos unha idea de en que vai consistir xa que, efectivamente, trátase de buscar as diferenzas e as similitudes que atopamos entre dous conceptos.

A actividade está enfocada para realizala en grupos, no noso caso, empregamos grupos de catro persoas para debater as diferenzas e as similitudes que atopábamos entre dous dos conceptos que íamos a tratar nesa sesión: a lingua materna e a lingua estranxeira.

Despois dun debate duns 5 minutos, o profesor vai preguntando a cada grupo sobre algunha das súas conclusións, ata ir conformando en conxunto unha idea xeral sobre os novos contidos.



Que conclusións acadamos?

Tras un debate duns cinco minutos dentro do grupo, atopamos varias diferenzas:
-A lingua materna adquírese, mentres que a lingua estranxeira apréndese. Así, entendemos que a aprendizaxe da lingua estranxeira é un proceso máis consciente que no caso da lingua materna.
-A lingua materna emprégase no contexto no que vivimos, mentres que a estranxeira úsase noutra comunidade.
- A motivación para a aprendizaxe é diferente. No caso da lingua materna, o proceso da aprendizaxe é involuntario, mentres que nunha lingua estranxeira sempre van influír outros axentes, como a usa utilidade para a os gustos particulares de cada persoa, etc.

Se ben atopamos varias diferenzas entre elas, no meu grupo tivemos bastantes dificultades para chegar a un acordo sobre as similitudes. Ao final, concluímos que, atendendo a súa función, as dúas linguas teñen a mesma, pois ámbalas dúas serven para comunicarse.

Cal é a miña valoración persoal sobre a actividade?

Penso que esta actividade resulta moi útil para “quentar motores”, pois permite que os estudantes vaian agrupando os coñecementos previos que tiñan sobre o tema, para logo enlazalos cos novos contidos. Esta foi a utilidade que lle demos nós na aula, e considero que funcionou bastante ben. Ao mesmo tempo, tamén abriu o debate sobre outros aspectos interesantes relacionados coa aprendizaxe de linguas.

Ademais, valoro tamén moi positivamente o feito de que fomente a participación de todos os alumnos dentro da aula e o traballo en grupos, pois este é un bo xeito de conseguir que os estudantes se involucren máis na aprendizaxe e se sintan máis motivados de cara ao estudo.



Por último, tan só dicir que me parece unha actividade moi útil para empregar nas aulas de ensino dunha lingua estranxeira, pois ademais de traballar os aspectos que comentei anteriormente e servir como introdución para novos contidos, permite traballar a produción oral nese idioma. Así, ao tempo que xorden preguntas sobre cuestións de novo vocabulario e gramática, os estudantes van mellorando tamén as súas competencias orais no idioma estranxeiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario