Nesta nova entrada vouvos presentar a miña proposta para a actividade da
sesión coa docente Luz María, na que se debían traballar polo menos dúas
competencias. Espero que vos guste!
A actividade que propoño vai destinada a unha clase de inglés de 4º ESO ou
1º de Bacharelato e está pensada para ser realizada nunha sesión, malia que,
como comentarei despois, cabe a posibilidade que os alumnos dediquen un pouco
de tempo na súa casa. Esta actividade tamén é ideal para realizar en módulos de
Formación Profesional que conten cunha materia de inglés como lingua
estranxeira.
Primeira parte da
actividade:
Para comezar, a profesora presenta un vídeo en inglés sobre a elaboración
dun currículo e os estudantes van anotando nun papel en branco as partes que consideran
que ten que ter. A continuación, dáselles a opción de revisar e comparar os
resultados en parellas ou en grupos. Se o desexan, no seu lugar poden levar a
cabo a revisión do que escribiron de xeito individual.
Despois, ábrese un debate grupal no que se van lendo as respostas en alto
para ir completando o exercicio en voz alta entre todos e coa axuda da
profesora. Ao mesmo tempo, vanse comentando as diferenzas que existen con
respecto aos elementos dun currículo en lingua española.
Segunda parte da actividade:
Agora que os estudantes xa saben como redactar un currículo en inglés,
pásase á segunda parte da actividade: poñer en práctica o que aprenderon. Para
iso, a profesora propón unha oferta de traballo á que os estudantes deben
responder redactando o seu currículo. Os alumnos teñen dúas alternativas para
realizar a tarefa, co que se pretende ter en conta as necesidades e
preferencias de todos alumnos:
- Poden contestar á oferta proposta pola profesora, ben con datos reais, ben con datos ficticios.
- Poden buscar outra oferta e postular o seu currículo empregando datos reais ou ficticios. Neste caso, deben informar sobre a oferta que seleccionaron.
Deste xeito, preténdese acadar un maior grao de motivación por parte dos alumnos,
ao crear unha tarefa flexible e cunha utilidade práctica real.
A elaboración do currículo pode realizarse en formato dixital ou en papel,
dependendo dos recursos do centro. Ademais, cabe a posibilidade de que os
alumnos entreguen a actividade na seguinte sesión, para proporcionarlles tempo
para rematar a tarefa na casa se así o desexan.
Competencias que
se traballan:
- Competencia lingüística: os estudantes traballan a expresión escrita en lingua inglesa nunha situación comunicativa que podería chegar a producirse nun contexto real.
- Aprender a aprender: saber como elaborar un currículo e coñecer como manexar os recursos adecuados para facelo.
- Sentido da iniciativa e espírito emprendedor: ven dado polo carácter flexible da tarefa, que fomenta a toma de decisións e mesmo permite premiar a aqueles estudantes que se esforcen por realizar un bo traballo.
- Conciencia e expresións culturais: analízanse as diferenzas culturais relativas á mesma tipoloxía textual dentro de dúas culturas distintas.
- Competencias socias e cívicas: saber como redactar un currículo resulta fundamental na sociedade actual para poder acceder a un posto de traballo.
- Competencia dixital (se se empregan recursos dixitais): os estudantes teñen a oportunidade de experimentar co procesador de textos para crear distintos formatos para o seu currículo.


Unha actividade moi práctica e ben deseñada, mellor para Bacharelato (mesmo para 2º) ou FP como ben indicas.
ResponderEliminar