Para este terceiro tema sobre Os niveis de referencia de aprendizaxe de linguas e o desenvolvemento
de competencias, vou realizar unha análise sobre aqueles aspectos que
farían que nós, como estudantes, chegásemos a considerar que un curso de
linguas foi de proveito. Deste xeito, poderemos poñernos na pel dos nosos
futuros alumnos e orientar mellor as clases de linguas para acadar unha
verdadeira aprendizaxe.
Independentemente do nivel que esteamos a cursar, dende a
miña perspectiva, a clave para o éxito dun curso de linguas reside na
metodoloxía empregada nas aulas, que debería estar orientada á adquisición das
competencias axeitadas de acordo cos distintos niveis do MECRL.
Podemos considerar moi proveitoso un curso de A1 dunha
lingua, sempre e cando rematemos coa sensación de termos aprendido os recursos lingüísticos
adecuados, e de ter desenvolvido as destrezas esperables nese nivel. É dicir,
penso que, como alumnos, medimos o éxito dun curso de linguas en función dos
resultados acadados. Así, aínda que para obter unha visión máis obxectiva deberiamos
intentar superar unha proba de nivel tras a realización do curso, nós mesmos
podemos levar a cabo unha valoración do que levamos aprendido e das nosas
capacidades.
Mais para chegar a acadar eses resultados, o esencial,
como dicía, é a metodoloxía. Os métodos de ensino que empreguemos, as
actividades e os proxectos que realicemos deberán estar destinados a traballar as
competencias necesarias para acadar o nivel que estamos a cursar. O ideal, na
miña opinión, sería compaxinar a exposición de contidos gramaticais e léxicos
con exercicios en grupo ou en parellas relacionados coas distintas destrezas de
comprensión e expresión escrita e oral. Deste xeito, póñense en práctica os contidos
que se están aprendendo e ao mesmo tempo xorden novas cuestións e dúbidas que
se deben resolver e que tamén permiten avanzar na aprendizaxe.
Ademais dunha metodoloxía axeitada, para que un curso de
linguas teña éxito é necesario tamén partir dunha moi boa planificación das
sesións, que garanta a aprendizaxe progresiva e continua, de xeito que o alumno
non se aburra, pero tampouco se sinta confuso pola cantidade de novos contidos.
Así mesmo, cómpre tamén que o docente conte con materiais e recursos de ensino
adecuados e variados que motiven aos estudantes.
Por último, a avaliación. Nun bo curso linguas deberíase
realizar unha avaliación inicial do nivel dos estudantes para poder adaptar
mellor os contidos. Ademais, sería necesario tamén levar a cabo unha avaliación
continua, que permita observar os avances de cada alumno e as necesidades de
mellora, así como unha avaliación final obxectiva para comprobar se de verdade
se acadou o nivel de idioma cursado.
Tras esta breve reflexión, pódese concluír que, como
alumna, considero que un curso de linguas tivo éxito sempre e cando sexa capaz
de apreciar uns resultados. Isto considero que se pode conseguir a través dunha
organización axeitada das sesións e dunha metodoloxía e avaliación adecuadas e
orientadas a acadar as competencias esperables do nivel de lingua que cursamos.
REFERENCIAS:
Consello de Europa (2002), Marco común europeo de referencia para las lenguas: aprendizaje,
enseñanza, evaluación. Madrid, MECD y Anaya.


Ningún comentario:
Publicar un comentario