Nesta segunda unidade faise imprescindible botar unha ollada á normativa
educativa vixente a nivel autonómico e nacional en materia de educación e
comparala coas recomendacións do Marco Común Europeo de Referencia para as
Linguas (MCERL).
A LOMCE, a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade
Educativa, foi aprobada
no ano 2013 e, como o seu nome indica, pretende unha mellora da calidade no
eido educativo, que sustenta esencialmente nos malos resultados acadados no
Informe Pisa2009, sobre todo en materia de comprensión
lectora, competencia matemática e competencia científica (Preámbulo V, LO
8/2013 do 10 de decembro).
Entre os moitos cambios introducidos pola LOMCE, interesan para este
comentario aqueles relacionados coa intención de fomentar o plurilingüismo e
mellorar a competencia nas linguas estranxeiras, pois atópanse estreitamente
relacionados coas esixencias do MCERL.
Por unha banda, coa LOMCE establécese un novo currículo formal para a
ensinanza de idiomas na ESO e no Bacharelato, co que se pretende adaptar os
contidos aos distintos niveis do MCERL. Estes contidos divídense en tres áreas
fundamentais: a comprensión oral e escrita e a produción oral e escrita, de
xeito moi semellante ao realizado no MCERL. Ao mesmo tempo, establécense uns
criterios de avaliación e uns estándares de aprendizaxe relacionados cos
coñecementos esperables dun estudante de idiomas que avanza dende o nivel
básico (A) ao intermedio (B).
Malia que os cambios do currículo formal pretenden mellorar as competencias
dos estudantes de idiomas, pouco se pode conseguir se se continúa a pasar por
alto a necesidade de cambiar a metodoloxía empregada no ensino de idiomas e se
obvian as distintas destrezas da competencia lingüística á hora da avaliación.
Por outra banda, como medida para fomentar o plurilingüismo, a LOMCE pretende que os estudantes acaden o
dominio de ata tres linguas estranxeiras (Preámbulo XII, LO 8/2013 do 10 de
decembro).
Dende o meu punto de vista, a introdución de novas materias de linguas
estranxeiras no sistema educativo nunca debería ser obxecto de crítica, sempre
e cando se faga de xeito respectuoso coas linguas oficias e non supoña unha
limitación das horas dedicadas ao traballo das mesmas. A este respecto, sería
interesante diversificar a oferta de idiomas que poden escoller os estudantes,
que se limita a inglés, francés e portugués, este último tan só nalgúns
institutos. Considero que se son eles os que deciden que linguas estranxeiras
estudar poden chegar a sentirse máis motivados e, en consecuencia,
conseguiríase mesmo aumentar o seu interese e mellorar os resultados.
Non obstante, parece bastante un tanto ambicioso esixir o dominio de ata
tres linguas estranxeiras á luz dos resultados en materia de comprensión
lectora do devandito Informe Pisa 2009. Se cadra, teríase que comezar buscando
unha mellora das competencias nas linguas que xa dominan os estudantes e
centrarse naqueles aspectos que necesitan reforzo.
Ademais, a LOMCE fala de acadar o “dominio” non só dunha lingua
estranxeira, senón tamén dunha segunda e ata unha terceira. Resulta un tanto
precipitado falar de dominio cando o nivel que se lle presupón a un estudante
de bacharelato cando remata é o B1, de acordo do MCERL. No canto de aumentar o
número de linguas estranxeiras dentro do currículo da ESO, talvez sería máis
interesante intentar mellorar o nivel que teñen os alumnos da súa primeira
lingua estranxeira.
Como conclusión, poderíase dicir que a LOMCE pretende adaptarse ás
esixencias do MCERL e fomentar, ao mesmo tempo, o plurilingüismo. Mais non
parece facer uso das medidas e instrumentos máis axeitados. Para mellorar a
calidade no ensino de linguas, o primeiro sería buscar o apoio e consenso da
comunidade educativa, pois os seus membros son os que máis poden aconsellar en
materia de calidade.
REFERENCIAS:
Consello de Europa (2002), Marco
común europeo de referencia para las lenguas: aprendizaje, enseñanza,
evaluación. Madrid, MECD y Anaya.
Ministerio de Educación, Cultura e Deportes. Lei orgánica para a mellora da calidade educativa
(LOMCE) (Lei Orgánica 8/2013, 9 de decembro). Boletín Oficial do Estado, nº
295, 2013, 10 decembro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario