RESUMO UNIDADE 1 O Marco Común Europeo de Referencia para as
linguas
Dentro deste primeiro tema O MarcoComún Europeo de Referencia para as linguas, gustaríame centrarme nun dos elementos aos que nos referimos en clase: as competencias na adquisición dunha lingua. Para comezar, voume referir a unha das preguntas coas que se pretendía facernos reflexionar sobre esta cuestión: Cantas horas considerades que son necesarias investir na aprendizaxe dunha lingua estranxeira para pasar do nivel A1 ao C2? A resposta, 1500 horas de ensinanza presencial.
Sorprendeume bastante, especialmente porque, se facemos cálculos, ao longo
da nosa traxectoria como estudantes na ensinanza Primaria, Secundaria e no
Bacharelato, recibimos máis de 1500 horas de ensinanza presencial dunha lingua
estranxeira, mais a meirande parte dos estudantes non superan o nivel B1 ao
rematar.
Esta situación ven determinada polo traballo e adquisición de competencias
e a súa posta en práctica nas aulas. Nesas 1500 horas de ensinanza presencial
deberíanse realizar actividades destinadas non só a memorizar o vocabulario e
as estruturas gramaticais imprescindibles para comunicarnos, senón tamén outras
nas que se exerciten o resto dos aspectos que conforman a competencia
comunicativa da lingua. O mesmo ocorre co tipo de avaliación co que se atopan
os estudantes; un exame que, polo xeral, non mide as súas capacidades en
materia de comprensión e expresión oral e escrita, senón que consiste en encher
ocos ou reproducir de xeito descontextualizado o vocabulario previamente
memorizado.
Precisamente, esta competencia
comunicativa da lingua ven determinada pola competencia lingüística, a
competencia sociolingüística e a competencia pragmática, cada unha referida a
tres capacidades diferentes que determinan o noso manexo dunha lingua
estranxeira (CE, 2002:106).
A competencia lingüística
refírese ao coñecemento dos recursos formais e da capacidade que temos para
empregalos para poder formular unha mensaxe de xeito adecuado (CE, 2002:107).
Dentro desta mesma competencia lingüística, atoparíamos as seguintes
categorías:
- Competencia léxica:
coñecemento do vocabulario dunha lingua e capacidade para empregalo.
- Competencia gramatical:
coñecementos dos recursos gramaticais e a capacidade para empregalos.
- Competencia semántica:
refírese a conciencia e control da organización do significado co que conta o
estudante.
- Competencia fonolóxica:
coñecemento sobre a pronunciación e capacidade de produción dos distintos
fonemas.
- Competencia ortográfica:
coñecemento e capacidade de producir os símbolos de que se compoñen os textos
escritos, abrangue aspectos ortográficos (uso adecuado dos signos de
puntuación) e tipográficos (convencións, variedades de letra, etc.).
-Competencia ortoépica: capacidade
de pronunciar de xeito correcto partindo da escrita.
A esta competencia lingüística, súmanse a competencia sociolingüística
(referida á capacidade de producir e entender as expresións lingüísticas nos
distintos contextos de uso) e a competencia
pragmática (a capacidade de realizar un uso comunicativo da lingua no que
se teñan en conta as relacións pragmáticas, os interlocutores e o contexto).
Así, empregar tan só actividades de vocabulario e gramática limita
enormemente as competencias que traballa o alumno e, polo tanto, impídelle que
avance de nivel durante a aprendizaxe dunha lingua estranxeira. Mais tampouco cómpre
perder de vista que, alén da competencia lingüística, a aprendizaxe dunha
lingua estranxeira permítenos estimular no alumno outras competencias de tipo
máis xeral, relacionadas co seu coñecemento do mundo (saber), as súas destrezas e habilidades (saber facer) e actitudes, motivación ou valores (saber ser). Isto pon de manifesto a
necesidade empregar actividades que nos permitan traballar todas estas
destrezas e de aportar un enfoque práctico
e transversal, que permita garantir
a eficacia da aprendizaxe.
En consecuencia, nas aulas de idiomas deberíanse ter conta estes aspectos á
hora de ensinar unha lingua estranxeira. Urxe aplicar unha metodoloxía que teña
en conta todas estas competencias se sustente nunha ensinanza de tipo
transversal, por exemplo, con actividades que simulen distintas situacións e
contextos concretos de uso do idioma estranxeiro. Isto permitiría que o alumno fose
asimilando o novo idioma nun entorno moito máis semellante ao da súa lingua
materna e permitiríalle ir desenvolvendo as distintas capacidades.
REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS:
Consello de Europa (2002), Marco común europeo de referencia para as
lenguas: aprendizaje, enseñanza, evaluación. Madrid, MECD y Anaya. [Dispoñible en liña: http://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/marco/cvc_mer.pdf]


Ningún comentario:
Publicar un comentario